A Xunta subliña a aposta da empresa lucense Cerna por optimizar a xestión forestal a través da innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou a compañía, que puxo en marcha un plan de innovación co apoio do programa InnovaPeme, que lle permitiu ampliar e mellorar a súa carteira de servizos

A través da convocatoria de 2021, o Goberno galego concedeu apoios para mellorar a capacidade innovadora de 36 compañías, catro delas da provincia de Lugo

Nas catro edicións do programa, téñense concedido axudas a 160 pemes e microempresas, a través dun investimento de 13,3 millóns de euros de fondos públicos e a creación ou mantemento de 767 postos de traballo

Lugo, 11 de novembro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá en Lugo as instalacións de Cerna Ingeniería y Asesoría Medioambiental, destacando a aposta desta empresa pola modernización do sector forestal a través do desenvolvemento de solucións innovadoras que permiten optimizar a xestión dos recursos forestais, en liña cun dos retos prioritarios da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a modernización dos sectores primarios a través da innovación.

Esta consultoría, con sede principal en Lugo e delegacións en Burela, Monforte, País Vasco e Portugal, foi beneficiaria da convocatoria 2019 do programa InnovaPeme da Xunta de Galicia, que na edición de 2021 concedeu 36 axudas a pemes e microempresas, catro delas da provincia de Lugo, para a realización de actividades de innovación, coordinadas a través dun plan de innovación cun investimento público de 2,8 millóns de euros.

En total, nas catro edicións desta convocatoria, concedéronse axudas para mellorar a capacidade innovadora de 160 pemes e microempresas de toda Galicia, cunha axuda pública de 13,3 millóns de euros e un investimento público-privado de 26,6 millóns e a creación ou mantemento de 767 postos de traballo.

Optimización da xestión dos recursos forestais

Creada en 2002, Cerna implementou no periodo 2019-2020 -co apoio da Xunta a través do programa InnovaPeme- un plan de innovación para desenvolver unha ferramenta de xestión que axude a tomar decisións de forma efectiva, baseada en tecnoloxías como o internet das cousas e o big data, monitorizando en tempo real todos os procesos e máquinas e integrándose co resto de sistemas de xestión da empresa. Este plan de innovación permitiulle ampliar a súa carteira de servizos medioambientais, incluído un servizo de consultoría tecnolóxica orientada á modernización e optimización de procesos das industrias da transformación da madeira, e a mellora dos servizos de consultoría ofertados.

Ademais, Cerna participou en dous proxectos de I+D+i apoiados pola Xunta a través do programa Conecta Peme. O primeiro deles, Sofor 4.0, plantexaba o desenvolvemento dun novo modelo de negocio innovador apoiado na figura das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) e adaptado á estrutura da propiedade e competitividade do monte galego e, o segundo, Xestal, orientado á ordenación e xestión forestal sostible mediante teledetección remota.

Precisamente, na presentación dos resultados deste último proxecto participou a directora da Axencia o pasado mes de marzo en San Cibrao (Cervo). O resultado deste proxecto, abordado por un consorcio integrado polas empresas Aeromedia, Balidea, Greenalia e Cerna, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, é unha innovadora solución para a xestión forestal con drons que lles permite ás empresas xestoras de montes e á Administración un control do monte actualizado e sostible coa máxima autonomía e mínimo custo.

Ademais, Cerna participou na primeira edición da aceleradora de innovación especializada nos sectores agroalimentario, biomasa e biotech, Agrobiotech Innovación. Este programa apoiou a expansión internacional da empresa cara a países como o Reino Unido e os países escandinavos.

Patricia Argerey contextualizou o apoio da Xunta á sistematización da innovación nas pemes galegas, como Cerna, dentro do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ten en marcha actualmente a Axencia Galega de Innovación, co obxectivo de acompañar aos sectores máis tradicionais cara unha economía máis innovadora partindo de que a innovación é un factor clave para a competitividade destes.

Imaxes relacionadas