A Xunta colaborará co concello de Begonte no acondicionamento dunha escola de música e un auditorio en Baamonde

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde do municipio, José Ulla, asinaron hoxe un protocolo para poñer en marcha as actuacións

Lugo, 11 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia colaborará co concello de Begonte no acondicionamento dunha escola de música e a construción dun auditorio en Baamonde. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde, José Ulla, asinaron hoxe un protocolo no que ambas administracións se comprometen a cofinanciar a reforma das edificacións do antigo colexio da localidade.

O obxectivo do concello é consolidar unha escola de música con acreditación de conservatorio que xestionará a asociación Músico Crisanto, dando continuidade á actividade que ven desenvolvendo dende o ano 2007 en Rábade, Begonte e Outeiro de Rei e que se estende polos municipios veciños.

Na actualidade o centro ten 150 alumnos e un total de 16 profesores de diferentes disciplinas e instrumentos, que imparten clase en espazos como o Centro Sociocultural e o Instituto de Rábade, a Casa da Cultura e o Centro Sociocultural de Begonte ou a Escola de Robra e o CEIP Laverde Ruiz en Outeiro de Rei.

Esta iniciativa servirá para agrupar a actividade musical nun centro único, mellorando tanto as condicións de ensino como as dotacións da escola en xeral.
 

Imaxes relacionadas