O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias presentou esta aplicación edificio multiusos de Teixeiro, en Curtis

A Xunta informa das posibilidades que ofrece Conta Láctea para mellorar a posición negociadora que teñen os gandeiros sobre os prezos do leite

Esta ferramenta informática, creada polo Administración galega xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo, está concibida para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras

José Balseiros reiterou a solicitude de Galicia ao Goberno central para que teña en conta na Lei da cadea alimentaria esta aplicación como forma de acreditación do custo efectivo de produción

Curtis (A Coruña), 11 de novembro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado por José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, informou hoxe aos gandeiros e demais interesados do concello de Curtis sobre as posibilidades que ofrece a nova aplicación Conta Láctea para mellorar a posición negociadora dos propios gandeiros sobre os prezos do leite.
Na xuntanza, o director xeral explicou o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática, creada pola Xunta en colaboración con esta fundación, para calcular os custos de produción das explotacións leiteiras. Así, José Balseiros destacou que a principal finalidade da aplicación é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. Para acadar estes obxectivo, a ferramenta -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.
Nesta liña, o director xeral lembrou que o Goberno galego non pode fixar prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros, porque isto non está permitido pola normativa de competencia española ao consideralos unha restrición ao libre mercado. Por iso, dende a Xunta solicitóuselle ao Goberno do Estado que teña en conta na Lei da cadea alimentaria -actualmente en tramitación no Senado- esta aplicación como forma de acreditación do custo efectivo de produción, co fin de asegurar que se cubran os custos de produción e unha marxe de beneficio para os gandeiros e evitar así a venda a perdas.
Ademais, e co fin de garantir o cumprimento da prohibición da venda a perdas nas relacións nas que interveñan os operadores primarios, José Balseiros insistiu na necesidade de activar controis específicos por parte da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA).
Pola parte que si lle toca á Xunta, o director xeral apuntou que a Consellería do Medio Rural está a facer os seus deberes a prol do sector lácteo, coa implantación das medidas contidas na Estratexia do sector lácteo. Así, a través dela, iniciou a tramitación do Observatorio lácteo -co fin de acadar unha mellor estrutura sectorial- e da marca Leite de pastoreo de Galicia, un selo que se suma ao de Galega 100% da que se está a facer unha promoción inxente.
Cómpre tamén destacar a propia profesionalización do sector, dixo o director xeral, materializada na celebración de ata cinco edicións dos cursos de Gandeiros 20-30, e a posta en marcha do Plan de pastos e da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirán dotar de base territorial ás explotacións galegas coa implantación de polígonos agrarios, no caso do lácteo para a produción de forraxes.
A presentación desta mañá forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.
O acceso a Conta Láctea pódese facer a través da páxina web de Medio Rural, no seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.

Cooperativa Cusoviame

Aproveitando a súa estancia neste concello coruñés, o director xeral aproveitará para coñecer de primeira man as instalacións da sociedade cooperativa Cusoviame, a cal agrupa a máis de 500 socios que traballan precisamente no sector vacún, un exemplo de diversificación que conta cunha fábrica de pensos, tenda agraria e servizos agrónomos, de veterinaria, de maquinaria e de substitución, entre outros.

Imaxes relacionadas