Os centros CEIP San Martiño de Pontevedra, e o Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, gañadores do Concurso Ciberseguridade no cole!, que se celebrou hoxe na Cidade da Cultura

O centro CEIP San Martiño, de Pontevedra, acadou o primeiro posto na categoría de primaria e o Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, en secundaria

A directora da Amtega participou na entrega de premios na que destacou o alto nivel dos participantes e felicitou a centros e profesores polo bo traballo

O concurso rexistrou unha elevada participación con más de 1.600 rapaces e rapazas, representando a centros das catro provincias

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

Os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP San Martiño e de 2º da ESO do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, foron os gañadores en cadansúa categoría do Concurso Ciberseguridade no cole!, cuxa final se celebrou esta tarde na Cidade da Cultura, dentro do encontro galego de ciberseguridade, Ciber.gal.

A directora da Amtega, Mar Pereira, participou na entrega de premios na que destacou o nivel demostrado polos participantes, felicitou aos gañadores e tamén aos profesores e os centros educativos por fomentar a participación no concurso e o bos resultados, reflexo do traballo nas aulas.

Pereira sinalou que a celebración deste tipo de actividades é fundamental para fomentar ás vocacións tecnolóxicas e o talento dixital. Lembrou que o sector tecnolóxico ten unha demanda moi elevada de novos especialistas e que precisamos dunha canteira de talento especializado para afrontar a transformación dixital.

Esta primeira edición do Concurso Ciberseguridade no cole!, promovida por Telefónica, pechouse cunha alta taxa de participación con máis de 1.600 rapaces e rapazas en 67 equipos entre as dúas categorías, correspondéndose con 42 equipos de primaria e 25 de secundaria, pertencentes a 38 colexios, 23 de educación primaria e 15 de educación secundaria.

Tras o concurso a xornada continúa co taller Navegando con rumbo polo ciberespazo, impartido polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia e o taller Ciberseguridade para as familias: mediación parental activa, impartido por Fernando Villar – Formador da Garda Civil.

Nodo Ciber.gal


O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado mais de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.

A ciberseguridade e unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade, nesa liña póñense en marcha iniciativas como o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia de garantir a seguridade da información na contorna dixital e promover o coñecemento e unha cultura da ciberseguridade en Galicia.