O conselleiro de Sanidade anuncia a adaptación de espazos para ubicar no Hospital do Meixoeiro a unidade de demencias

Así o vén de destacar Julio García Comesaña no Parlamento de Galicia, quen subliñou a importancia da abordaxe integral, homoxénea e estandarizada destes pacientes

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe no Parlamento de Galicia, que esta semana está previsto que comecen os traballos para habilitar no Hospital do Meixoeiro unha zona para a unidade de demencias, que leva tres anos en funcionamento, e que se encarga das actividades asistenciais que comprenden o diagnóstico e seguimento dos pacientes con esta patoloxía.
Ata o momento, -destacou-, os pacientes foron atendidos con todas as garantías, e o obxectivo é que unha vez que se dispoña dos espazos habilitados para a unidade, poder ofrecer unha asistencia máis integral e optimizada. A unidade integrará o persoal do Hospital Álvaro Cunqueiro e tamén o de psicoxeriatría que traballa xa desde o Meixoeiro.
Segundo detallou o conselleiro, a unidade presta un servizo de carácter ambulatorio, de consultas externas, con recursos humanos e materiais suficientes para cubrir a demanda específica xerada pola rede de atención primaria, atención hospitalaria e sociosanitaria da área sanitaria de Vigo.
Tal e como explicou García Comesaña, actualmente as persoas con este tipo de patoloxías son atendidos por unha especialista en neuroloxía e persoal de enfermería con consulta no Hospital Álvaro Cunqueiro, ademais de contar coa unidade de psicoxeriatría que orixinariamente se localizaba no Nicolás Peña, e que, na actualidade, ocupa catro consultas habilitadas no Meixoeiro, zona na que agora se habilitan seis consultas para unificar espazos e crear unha área para esta unidade de demencias.
En consecuencia, -remarcou o conselleiro-, “ampliaremos os recursos asistenciais existentes e ofreceremos unha atención multidisciplinar aos pacientes con deterioro cognitivo, nesta unidade dotada cun espazo propio”.

Proceso asistencial integrado en todos os hospitais do Sergas

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria dixo que, antes da pandemia, o seu departamento comezou os traballos de deseño dun Proceso Asistencial Integrado en demencia “para definir unha abordaxe integral, homoxénea e estandarizada destes pacientes”. Nas vindeiras semanas, “daremos continuidade a este traballo de cara a súa implantación en todos os hospitais do Sergas”.
Paralelamente, García Comesaña incidiu en que está previsto que, no vindeiro ano, comecen os traballos de elaboración dun Plan Galego de Demencias, “co obxectivo de homoxeneizar tamén os recursos destinados ás distintas patoloxías relacionadas coa demencia” e, deste xeito, “mellorar a coordinación dos niveis asistenciais co propósito de axilizar os procedementos”.
O obxectivo será o de establecer estratexias “para realizar un diagnóstico precoz das demencias, homoxeneizar o seguimento e definir as terapias necesarias nesta patoloxía que sexa equivalente para todos os galegos e as súas familias que sufran estas enfermidades”, -concluíu o conselleiro-.

Imaxes relacionadas