A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe as tarefas

A Xunta inicia os traballos topográficos para a redacción dos proxectos do ‘Novo Chuac’ e dos seus accesos

A UTE Pinearq-Vázquez Muíño-Monteoliva está a realizar as primeiras medicións do terreo para elaborar o anteproxecto e iniciar a tramitación urbanística das novas fases do complexo hospitalario, do viario perimetral e dos accesos

A Coruña, 10 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia está a iniciar os traballos de medición topográfica necesarios para a elaboración do anteproxecto e redacción dos anteproxectos construtivos do novo Hospital público da Coruña, o ‘Novo CHUAC’, así como para o deseño dos seus accesos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisaron esta tarde o desenvolvemento dos traballos, que se corresponden coa fase inicial do contrato recentemente asinado para o desenvolvemento técnico do ‘Novo CHUAC’.

A UTE Pinearq–Vázquez Muíño–Monteoliva resultou adxudicataria do contrato para a redacción dos proxectos técnicos e dirección das obras do novo Hospital Público da Coruña, por un importe de preto de 6 M€.

O primeiro obxectivo é a elaboración do anteproxecto definitivo do novo Hospital público, do viario perimetral e dos seus accesos, o que fai imprescindible realizar as medicións topográficas que se están a desenvolver estes días na contorna do actual complexo.
O ‘Novo CHUAC’ ten como obxectivos globais duplicar a área hospitalaria do actual CHUAC ata chegar aos 86.500 m² e executar obras de reforma e remodelación nas actuais instalacións, a través dun investimento que supera os 430 millóns de euros.
Para isto haberá traballos previos de adecuación da parcela e demolicións, de urbanización e accesibilidade, de accesos viarios, de rehabilitación do edificio actual, de construción do novo centro de formación e I+D+i, e de execución das novas edificacións e dun novo aparcadoiro de máis de 2.600 prazas. Na execución destas obras prevese mobilizar máis de 6.100 traballadores.
Actualmente está xa en desenvolvemento a ‘Fase 0’ do ‘Novo CHUAC’, coa que se traballar na creación dun novo Hospital de Día, no incremento do número de camas grazas á creación dunha nova planta de hospitalización e ampliando os servizos de urxencia e o número de camas para coidados intensivos, mediante un investimento que supera os 13 millóns de euros. As obras estarán en servizo o vindeiro ano.

Imaxes relacionadas