A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez selou hoxe en Ourense cos alcaldes de Leiro e de Boborás, Francisco José Fernández, e Ana Patricia Torres, este convenio de colaboración en materia de augas

A Xunta asina a colaboración para executar a mellora do sistema municipal de abastecemento de auga do Concello de Leiro cun investimento de 360.000 euros

Trátase de resolver os problemas de funcionamento na rede de subministración de auga neste municipio coa renovación do treito da tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no concello de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro

Vázquez Mourelle rubrica tamén o acordo co Concello de Boborás para executar as obras de mellora das redes de abastecemento, saneamento e pluviais municipais, no núcleo de Brués, que suporán un investimento de 385.000 euros

A Xunta achegará o 80% do orzamento para impulsar estas dúas actuacións e executará as obras, e as entidades locais contribuirán co 20% restante

Os concellos de Leiro e de Boborás asumen a realización das xestións para posibilitar a execución das actuacións, así como a recepción, posta en servizo, mantemento, explotación e conservación das obras que se realicen no seus ámbitos territoriais

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Ourense, 10 de novembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e os alcaldes de Leiro e de Boborás, Francisco José Fernández e Ana Patricia Torres, respectivamente, asinaron esta mañá nas dependencias da delegación territorial da Xunta en Ourense, o convenio de colaboración para a mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, cun investimento de 360.000 euros.

Mediante este acordo, impúlsase a execución das obras de renovación de tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece á potabilizadora e ao depósito de Leiro.

No mesmo acto, Vázquez Mourelle e a alcaldesa de Boborás selaron tamén o acordo de cooperación para executar as obras de mellora das redes de abastecemento, saneamento e pluviais neste municipio, no núcleo de Brués, que suporán un investimento de 385.000 euros.

O departamento que preside Ethel Vázquez apoiará aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando as actuacións previstas en ambos os dous concellos no 80% do seu orzamento total.

Para as obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, Augas de Galicia reserva un investimento de 308.000 euros; e para as actuacións de mellora das redes municipais de abastecemento, saneamento e pluviais en Boborás a entidade hidráulica da Xunta destinará un orzamento de 308.000 euros

Pola súa banda as entidades locais achegarán o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais. Ademais, os concellos de Leiro e de Boborás asumen a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento, explotación.

As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Actuacións en Leiro

O Concello de Leiro abastécese dunha captación situada no concello de Boborás, na canle de derivación do encoro de Albarellos. A auga trátase nunha estación de tratamento de auga potable existente no municipio de Leiro e distribúese a través dunha condución cunha lonxitude aproximada de algo máis de 7 quilómetros de lonxitude, dos cales máis de 4,7 se sitúan no termo municipal de Boborás e preto de 2,4 no municipio de Leiro.

Debido á antigüidade da condución que conecta a captación coa potabilizadora, son moi frecuentes as roturas, o que provoca faltas no subministro de auga á poboación.

Coas actuacións proxectadas desde Augas de Galicia, o convenio asinado hoxe permite impulsar a renovación da rede municipal mediante a substitución da tubaxe existente e a instalación de ventosas para a eliminación do aire que se acumule na rede e válvulas de baleirado nos puntos baixos, coa finalidade de garantir o abastecemento á poboación.

As obras darán servicio a unha poboación fixa de 1.568 habitantes para o ano horizonte 2045.

A intervención en Boborás

As redes municipais de abastecemento e saneamento no entorno da estrada N-541, no núcleo de Brués, teñen máis de 50 anos de antigüidade, presentando numerosas deficiencias derivadas do vencemento da súa vida útil. Isto tradúcese na existencia de fugas e perdas de auga e filtracións que derivan en ineficiencias no uso da auga.
Ademais, practicamente non existe rede de pluviais, polo que as entradas de auga de chuvia nos colectores está dificultando a depuración das augas residuais.

Mediante o convenio asinado hoxe impúlsanse as actuacións necesarias para a solución destas deficiencias, a través da renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais na travesía da estrada nacional N-541.

As obras consisten na construción dun novo tramo de rede de augas pluviais e na renovación das instalacións vinculadas á auga na travesía da N-541 ao seu paso polo núcleo de Brués.

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal, aos seus veciños de xeito eficiente.

Imaxes relacionadas