A Xunta remata as obras de reforzo do firme nas estradas que comunican O Saviñao con Monforte e Chantada

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se investiron 2M€ en 12 quilómetros da vía de altas prestacións CG 2.1 máis 10 quilómetros da LU-533

Monforte de Lemos (Lugo), 10 de novembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar os traballos de estendido do novo firme en dúas estradas que vertebran as comunicacións internas no sur da provincia, a vía de altas prestacións CG 2.1 e a LU-533. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, confirmou hoxe que só faltan tarefas de repintado nalgúns puntos que se concluirán esta semana.

Arias explicou que o Goberno galego investiu 2 millóns de euros nestas estradas, que conectan O Saviñao con Monforte de Lemos e con Chantada. Así, a Consellería actuou na CG 2.1 (Monforte- Alto do Faro) nos 12 primeiros quilómetros, ata Escairón; realizáronse fresados puntuais e renovouse a capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada.

Tamén se mellorou a estrada autonómica LU-533, que une Chantada e Escairón, reforzando o firme nas zonas que presentaban deterioro ao longo dos 10 quilómetros que separan os núcleos urbanos de ambas localidades.

O delegado destacou os recursos que destina a Xunta a “manter a rede de estradas autonómica nas mellores condicións de seguridade e confortabilidade para os usuarios”. Neste sentido, lembrou que este ano investíronse 4,6 millóns de euros na provincia de Lugo a través do Plan de reforzo de firmes.

Imaxes relacionadas