O novo modelo de residencias contempla reducir ao mínimo o uso de suxeicións nos centros de maiores

Para aplicar esta medida farase un esforzo importante na formación de persoal, na adaptación dos espazos e no uso de novas tecnoloxías

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que todas as residencias de maiores contarán cun programa de redución de suxeicións, con medidas concretas e avaliables. Díxoo en resposta a unha pregunta oral na que avogou por limitar ao mínimo imprescindible este procedemento para “asegurar o benestar de todas as persoas que viven nestes centros e para que os sintan como o que son: os seus fogares”.

Fabiola García avanzou que o novo modelo de residencias que está a ultimar o Comité asesor sociosanitario establece que todos os centros de maiores da nosa comunidade estarán obrigados a reducir as suxeicións ao mínimo posible. Deste xeito, cumprirase cun dos principais obxectivos da reformulación do sistema: “seguir humanizando, cada vez máis, uns centros que deben ser a casa das persoas”, indicou.

A conselleira explicou que para limitar o uso de medidas de contención farase un esforzo importante en tres ámbitos: na formación do persoal; na adaptación de espazos para facelos máis accesibles; e no uso de novas tecnoloxías, para a detección de caídas ou outras incidencias.

Prescrición médica e consentimento informado

Fabiola García sinalou que as medidas de fixación teñen que ser sempre o último recurso, usarse de maneira temporal e en todos os casos coa finalidade de evitar un mal maior. Así mesmo, expuxo que o Protocolo da inspección de servicios sociais establece como requisitos para a súa aplicación contar cunha prescrición médica e cun consentimento informado; e que sempre que se detecta un incumprimento iniciase unha investigación por parte dos servizos de inspección.

Ao respecto, a conselleira informou de que este ano xa se realizaron máis de 400 inspeccións en centros de maiores e de atención á discapacidade, e se iniciaron 58 expedientes sancionadores.