O avance nas obras de mellora do firme na estrada AC-453, ao seu paso por Ames e Val do Dubra, fará necesario un corte de tráfico este venres

Prevese que este corte sexa o último dos programados e a circulación quedará restablecida ao final da xornada

O peche é necesario para acometer os traballos no cruce do final da estrada, no punto quilométrico 11+740

A Xunta está a executar o acondicionamento da estrada AC-453, no tramo que une Roxos con Portomouro, que tamén inclúe a reposición de sinais e o repintado
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

O avance nas obras de mellora do firme na estrada AC-453, ao seu paso polos concellos de Ames e Val do Dubra, fará necesario un corte de tráfico este venres, día 12 de novembro.

A Xunta prevé que este corte sexa o último dos programados para executar estas actuacións. A circulación quedará restablecida ao final da xornada.

O peche completo da circulación é necesario para acometer os traballos no cruce do final da estrada, no punto quilométrico 11+740, onde non é posible efectuar o estendido de aglomerado mantendo a circulación.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar estas obras de mellora do firme da estrada AC-453 no tramo que une Roxos con Portomouro.

Os traballos nas zonas máis deterioradas céntranse no fresado e na reposición do firme, en anchos variables, dependendo da posición e extensión das deficiencias. Nas zonas co firme fisurado pero sen deformación, a rehabilitación consiste na extensión dunha capa de rodadura en todo o ancho do carril.

As actuacións completarase coa reposición da sinalización horizontal e do balizamento, ademais do repintado nas zonas nas que se realice o fresado e a mellora do firme.

Esta intervención forma parte das obras de acondicionamento do firme en varias vías autonómicas, nas que se inclúen, tamén estes mesmos traballos na AC-960 desde A Susana ata o límite con Vila de Cruces, e na AC-305 entre Padrón e Ribeira, cun investimento global da Xunta máis de 1 M€.

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.