Luis López destaca a proxección internacional da cultura viquinga e dos viños galegos para fortalecer o crecemento turístico de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra clausura no Edificio Multiusos de Catoira a xornada temática Los Vikingos y el Vino en Galicia, organizada pola Asociación de Amigos do Capítulo Serenísimo do Albariño Rías Baixas coa colaboración do Concello

Esta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, pretende promocionar as rutas náutico-culturais Mar de Arousa e Río Ulla e a dos Viquingos, o Camiño de Santiago e os caldos galegos

Catoira, 10 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe a “enorme proxección internacional” da cultura viquinga e dos viños galegos, con forte presenza nas Rías Baixas e na comarca do Salnés e o Baixo Ullán, para seguir fortalecendo o crecemento turístico de Galicia.
O representante autonómico puxo en valor a Festa do Albariño de Cambados e a Romaría Viquinga de Catoira durante o acto de clausura da xornada temática Los Vikingos y el Vino en Galicia, organizada pola Asociación de Amigos do Capítulo Serenísimo do Albariño coa colaboración do Concello de Catoira e do colectivo Destination Viking e co apoio da Xunta de Galicia.
“O albariño e a cultura viquinga, ademais de protagonizar dúas festas de interese turístico internacional coñecidas e recoñecidas en Galicia e máis alá das nosas fronteiras, son dous produtos turísticos de primeiro nivel dos moitos e variados que temos en Galicia e que están a facer que, tras a fase máis dura da pandemia, sexamos o destino de moda en España e dos máis importantes de toda Europa, polo que todo acto de promoción é necesario e benvido”, indicou.
“Os viños galegos, e especialmente os das Rías Baixas, e a cultura viquinga son dous motivos máis que suficientes para visitar Galicia, pero é que ademais teñen unha enorme importancia social, económica e identitaria nesta comarca”, apostillou o delegado territorial.
Luis López agradeceu o posicionamento e a presenza de figuras internacionais neste evento “para seguir construíndo e promocionando Galicia” e destacou a labor de difusión da xornada temática para as rutas náutico-culturais Mar de Arousa e Río Ulla e a dos Viquingos -a segunda en importancia de toda Europa tras o Camiño de Santiago segundo certificou o Consello de Europa-, as rutas xacobeas tradicionais e os caldos galegos. “Os nosos viños viaxan por todo o mundo, como facían os antigos guerreiros viquingos, pero conquistan aos pobos con dozura grazas ao seu incomparable sabor e calidez”, concluíu.

Imaxes relacionadas