A conselleira de Política Social respondeu a unha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia sobre os índices de pobreza na comunidade

Fabiola García marca o obxectivo de aprobar antes de que remate o ano a Axenda Social Única de Galicia 2024

Este documento aglutinará os retos e obxectivos en materia social para os vindeiros anos e permitirá xuntar forzas entre a Administración autonómica, as entidades sociais e os concellos galegos

Galicia tramitará en 2022 unha nova Lei de inclusión social coa que reducir o tempo e o papelame na tramitación de prestacións, a compatibilización de axudas e outros ingresos ou a reformulación da Risga

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, confía en que antes de que remate o ano a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) aproben a renovación da Axenda Social Única 2024. Recalcou este obxectivo esta mañá na súa resposta a unha interpelación sobre os índices de pobreza na comunidade no Pleno do Parlamento de Galicia.

Fabiola García destacou a importancia deste documento, que aglutinará os retos e obxectivos en materia social para os vindeiros anos e que permitirá sumar forzas entre a Administración autonómica, as entidades sociais e os Concellos galegos.

Neste sentido, recordou que o Goberno galego sempre está ao carón dos que máis o necesitan, tal e como demostrou durante pandemia ao aprobar a maior orde de axudas a entidades sociais da historia de Galicia, dotada de 17,8 millóns de euros; ou coa posta en marcha da Tarxeta Básica, medida pioneira na que se levan investidos 31,5 millóns de euros e coa se atenderon a máis de 56.000 galegas e galegos.

A conselleira de Política Social tamén puxo en valor que a Xunta de Galicia tramitará en 2022 unha nova Lei de inclusión social para adaptar o mapa de prestacións sociais ao novo Ingreso Mínimo vital. Este novo marco normativo, entre outros aspectos, procurará reducir o tempo e o papelame na tramitación de prestacións de inclusión; permitirá, en determinados casos, a compatibilización de axudas con ingresos procedentes dun traballo; e a reformulará a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), para chegar onde non chega o IMV.

Mellor situación que a media nacional

Así mesmo, Fabiola García subliñou que Galicia “está logrando que cada vez haxa menos fogares que o estean a pasar mal”, tal e como sinalan os datos estatísticos relativos ao 2020 e que revelan que as familias galegas resistiron mellor á crise que as do resto de España.

Así, Galicia sitúase por debaixo da media estatal na taxa Arope, que mide o risco de pobreza e exclusión social; e tamén no indicador de carencia material severa, que comunmente se identifica por pobreza. A maiores, Galicia é a quinta comunidade con menor taxa de paro.

Imaxes relacionadas