A Xunta apoia ao colectivo feminista do Salvador na súa loita pola igualdade de oportunidades e contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

A Xunta vén de amosar o seu apoio ao colectivo feminista do Salvador na súa loita pola igualdade de oportunidades e contra a violencia de xénero nunha xuntanza que a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, mantiveron co delegado en Galicia da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), Alejandro Quiñoá, e na que participaron as activistas salvadoreñas Mercy Mulato (xornalista do colectivo feminista), Queen e Yezli Mic (músicas de rap de Hip Hop en Feminino).

A Xunta apoia a axentes da Cooperación Galega que traballan sobre o territorio en campos de refuxiados para garantir os dereitos das mulleres a través dun convenio de colaboración entre a Secretaria Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, unha iniciativa que forma parte das medidas que desenvolve Galicia a través do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero. Trátase de apoiar ás mulleres contra a violencia sexual e a discriminación que sofren e de garantir e protexer os seus dereitos.

O Goberno galego investiu entre 2019 e 2021 máis dun millón de euros para financiar proxectos no ámbito da cooperación internacional para loitar contra a violencia de xénero en campos de refuxiados, así como fomentar a prevención desta lacra entre mulleres e menores de idade.
 

Imaxes relacionadas