O IES Lois Peña Novo de Vilalba deseña recursos didácticos innovadores sobre as últimas tecnoloxías da automoción

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, gabou a implicación do profesorado e o alumnado nos proxectos de innovación educativa, “que xurden e se desenvolven nos propios centros”

Vilalba (Lugo), 10 de novembro de 2021

O IES Lois Peña Novo de Vilalba presentou hoxe un proxecto de innovación educativa centrado na creación dunha unidade didáctica sobre o funcionamento dos vehículos de pila combustible Fuel Cell.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que a iniciativa parte do departamento de Transporte e Mantemento de Vehículos ao abeiro da convocatoria de programas de Innovación didáctica na Formación Profesional que realiza a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Segundo expuxeron desde o IES, a proposta xurdiu do interese de varios docentes do centro en formarse sobre as últimas últimas tecnoloxías no ámbito da mobilidade e a sostibilidade medioambiental, co obxectivo de achegar recursos didácticos innovadores para o alumnado da familia de Transporte e Mantemento de Vehículos, xa que se trata dun contido pioneiro na ensinanza de FP.

O proxecto estima que o vehículo de pila de combustible de hidróxeno é un gran vector a empregar no sector da automoción para todo tipo de vehículos que percorren longas distancias ou levan grandes cargas (turismos, vehículos industriais, trens.... ) e fai fincapé no seu rápido reabastecemento e baixas emisións.

Arias gabou a implicación do profesorado e o alumnado nos proxectos de innovación educativa, “que xurden e se desenvolven nos propios centros”, e salientou que a Formación Profesional “é hoxe unha opción educativa estratéxica de cara á dinamización laboral en Galicia”.

Por último, o delegado trasladou o compromiso da Xunta “para seguir consolidando a calidade do ensino público” e puxo en valor os investimentos para mellorar infraestruturas educativas na provincia de Lugo, entre eles o propio IES Lois Peña Novo, no que actualmente están en marcha obras de rehabilitación por un importe próximo aos 247.000 euros.

Imaxes relacionadas