A Consellería de Sanidade remite ao Ministerio a documentación das solicitudes para 64 novas prazas de formación de medicina familiar e comunitaria

Así o sinala o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia, quen agarda que a petición do Executivo galego sexa atendida polo Goberno central

O responsable sanitario da Xunta dou conta das medidas postas en marcha polo Goberno galego en materia de atención primaria, que posibilita que a nosa comunidade teña moito camiño andado na reforma deste nivel asistencial

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha interpelación dun dos grupos da cámara referida á atención primaria, que Galicia xa remitiu toda a documentación das solicitudes para 64 novas prazas de formación de medicina familiar e comunitaria, pasando de 142 a 206, o que supón un incremento do 45%, solicitando, ademais, que estas novas prazas de atención primaria se incorporen xa nesta convocatoria.
Tal e como dixo o titular da carteira sanitaria da Xunta, “agardamos que o Ministerio de Sanidade atenda a petición de Galicia, xa que deste xeito permitiranos acurtar os tempos de cara a solucionar o déficit de persoal, que é un problema común a todos os sistemas de saúde”, como se puido comprobar no Consejo Interterritorial celebrado en Canarias, e no que Galicia solicitou que se modificase a normativa que regula a acreditación de prazas.
Esta solicitude atende a unha proposta de resolución aprobada no Debate de política xeral, onde o Parlamento de Galicia demandaba á Xunta que incrementase en polo menos 50 as prazas de formación de medicina familiar e comunitaria.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, García Comesaña dou conta dos avances que o seu departamento está a levar a cabo para abordar un novo modelo de atención primaria, e así poder avanzar cara á sanidade do futuro. O conselleiro sinalou que a Xunta ten unha folla de ruta clara, iniciada no 2018 co Plan galego de atención primaria, e a que marcaron os expertos no documento: “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”.
O responsable da sanidade pública galega remarcou que a Xunta segue a solicitar a convocatoria dun MIR extraordinario, ou canto menos cun maior número de prazas destinadas á atención primaria, e dixo, tamén, que a implantación das axendas de calidade dos médicos permiten optimizar os tempos dos profesionais, adaptándoas ás necesidades reais das súas consultas. Trátase, en definitiva, “de medidas organizativas que melloran a accesibilidade e permiten abordar mellor a demanda”.
Polo que atinxe ás axendas de calidade do persoal de enfermería, García Comesaña sinalou que foron remitidas a pasada semana ás áreas sanitarias e a súa implantación está previsto que comece a inicios do vindeiro ano.
Xunto ao anterior, Sanidade xa iniciou as xuntanzas dos grupos de traballo que definirán as axendas de calidade de matronas e odontólogos e, nas vindeiras semanas, abordaranse as de hixienistas dentais. Antes de finalizar o ano, Sanidade contará tamén cos traballos iniciados sobre as axendas de farmacia e traballo social.

Conxunto de medidas

Na súa intervención, o conselleiro sinalou outra serie de medidas que está a implantar a Xunta de Galicia na mellora deste nivel asistencial, como é a creación da categoría de facultativo especialista de atención primaria, ou o compromiso da elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos.
Tamén ten implantado Galicia, de xeito piloto nos centros de saúde de Culleredo e no de Illas Canarias en Lugo, un sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE), iniciativa pioneira en España, para axudar na xestión da demanda dos centros, mediante un sistema no que se definiron os motivos de consulta coa colaboración de todas as categorías profesionais, e que ten como fin que os pacientes sexan directamente atendidos polo profesional máis axeitado. Esta pilotaxe está previsto que nas vindeiras datas se amplíe á pediatría.
Tamén destacou o conselleiro outra das iniciativas do Goberno galego neste proceso de reforma do primeiro nivel asistencial, como é referida á modificación do Decreto de ordenación da atención primaria, coa que a Xunta pretende adaptar esta norma á realidade e ás necesidades actuais, regulando a organización territorial, a dirección e coordinación dos centros.

Camiño avanzado

García Comesaña dixo que o Ministerio de Sanidade está a elaborar un Plan de acción de atención primaria, no que se pode ver como Galicia xa leva moito avanzado respecto das medidas que se propón introducir. Do total de 54 accións, 23 correspóndelle aplicalas ás comunidades autónomas, “e Galicia ten xa implantadas ou en desenvolvemento 17 delas, o que representa o 74%”.
Tamén destacou o conselleiro as 20 propostas que Galicia trasladou ao Ministerio de cara a flexibilizar o sistema de acreditación e de mellorar o programa formativo de medicina familiar e comunitaria, incluíndo que os residentes pasen máis tempo nos centros de saúde durante o período de residencia.
En definitiva, unha ampla serie de avances e medidas nas que a Xunta de Galicia leva traballando para a reforma da atención primaria.

Imaxes relacionadas