A Xunta convoca unha nova edición do programa ‘Atrévete’ para impulsar a cultura emprendedora entre o alumnado

Enmárcase no Plan Eduemprende, no que participan o Goberno galego e diferentes asociacións e grupos empresariais

As actividades, de coñecemento do tecido produtivo, desenvolveranse tanto en institutos e Centros Integrados de FP como nas sedes de asociacións de empresarios

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de convocar unha nova edición do programa Atrévete, unha iniciativa que se desenvolve no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia (Eduemprende) para impulsar e fomentar a cultura emprendedora entre o alumnado, motivándoo e sensibilizándoo no espírito emprendedor. O programa nace da colaboración entre o Goberno galego e diferentes asociacións e grupos empresariais.

A través deste programa dáse a coñecer ao alumnado o tecido industrial da súa contorna e as empresas das diferentes asociacións colaboradoras. Así mesmo, difúndese os centros punteiros e de referencia na Formación Profesional, así como as saídas profesionais das ensinanzas impartidas nos mesmos. O obxectivo final é fomentar nos estudantes o desenvolvemento de competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado.

Atrévete vai dirixido a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de ESO, que poderá participar en diferentes actividades de fomento do emprendemento. No caso dos estudantes de Primaria, as accións desenvolveranse en diferentes institutos e Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) que son referencia nestas ensinanzas. Pola súa banda, os alumnos de ESO asistirán a actividades organizadas por unha decena de asociacións de empresarios ao longo de todo o territorio galego.

Os escolares que participen no programa poderán concursar tamén, de forma individual ou en grupo, no certame Atrévete a ter unha idea. Para iso, deberán presentar unha idea de negocio da súa creación en formato audiovisual (nun vídeo cunha duración máxima de dous minutos), na que describan tanto o negocio, como os potenciais clientes, a competencia e como porían en marcha a idea. Os premios na modalidade individual consistirán nun dispositivo dixital e, no caso da modalidade en grupo, nunha experiencia de emprendemento para os gañadores.

Solicitudes

Os centros interesados en participar deberán remitir as solicitudes ao enderezo electrónico solicitudes.eduemprende@edu.xunta.gal ata o día 23. O profesorado que coordine o desenvolvemento desta actividade no centro será recoñecido pola Administración Educativa como actividades de innovación educativa.

As actividades do programa levaranse a cabo ao longo do segundo e terceiro trimestre do curso 2021- 2022.