O Casino de Santiago acollerá un novo proxecto cultural que promoverá a obra do escultor Ramón Conde no marco do Xacobeo 21-22 co apoio da Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse cos organizadores da iniciativa que incluirá catro exposicións

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021

O Casino de Santiago acollerá durante este Xacobeo 21-22 un novo proxecto cultural para promover a obra do artista Ramón Conde e sensibilizar da importancia da escultura no panorama artístico galego. “O Xacobeo 21-22 garante un marco de esplendor cultural no que dende Galicia debemos apostar por dar boa conta dos nosos mellores talentos e da diversidade artística que atesouramos”, expresou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a reunión que mantivo con membros da organización desta iniciativa que suporá a programación de catro exposicións tanto este ano como o que vén con pezas destacadas do artista.

A iniciativa xurde da colaboración da Xunta de Galicia co Casino de Santiago, o Goberno municipal, a Asociación Comercio Punto Compostela, o instituto IES de Sar e o propio artista. O titular de Cultura da Xunta referiuse ao “esforzo impagable” de Ramón Conde para proxectar a imaxe de Galicia fóra da Comunidade que o teñen convertido, expresou “nun dos nosos maiores embaixadores culturais e por iso, merece un escaparate á altura da súa calidade como é o Ano Santo”.
Artista poliédrico
A colaboración do Goberno autonómico con esta proposta blinda un compromiso común por un autor “único da nosa historia e tamén, por extensión, pola escultura galega”, engadiu. Así, celebraranse catro retrospectivas para descubrir todas as vertentes deste artista poliédrico por parte dos visitantes que cheguen ata Galicia, pero tamén por parte dos propios galegos.

Ramón Conde é un dos máis destacados talentos creativos galegos dos últimos anos. É autor de obras públicas como os bustos de Valle-Inclán e Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, a de Pablo Iglesias Posse en Ourense ou de Manuel Antonio en Rianxo, entre outras. Os traballos de Conde teñen viaxado tamén a galerías de Francia, de Alemaña, de México ou de Estados Unidos.

Imaxes relacionadas