A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta en Pontevedra e o director xeral de Mobilidade, abordou a situación dos servizos de tren con CCOO , os alcaldes de Crecente, Salvaterra e Arbo, e representantes doutros municipios da provincia

A Xunta, os concellos e o sector ferroviario de CCOO-Pontevedra acordan trasladar ao Goberno de España un plan de reforzo dos servizos de tren de proximidade

Ethel Vázquez subliña a necesidade de actuar para mellorar a situación das infraestruturas e servizos da liña ferroviaria do Miño, aproveitando os fondos europeos previstos para o Corredor Atlántico

A Xunta, os alcaldes e os sindicatos comparten a necesidade de adaptar os servizos ferroviarios ás novas necesidades da poboación, modernizando as instalacións e potenciando a intermodalidade

Destacan que os servizos de proximidade son positivos para sacar o máximo proveito da chegada do AVE a Galicia e para revitalizar o sur e interior da provincia de Pontevedra

Pontevedra, 9 de novembro de 2021

A Xunta, os concellos e o sector ferroviario de CCOO-Pontevedra acordaron hoxe trasladar ao Goberno de España un plan para reforzar os servizos de tren de proximidade para mellorar a mobilidade dos cidadáns e para revitalizar o interior de Galicia e o seu rural.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro cos representantes do sector ferroviario de CCOO-Galicia na provincia de Pontevedra e cos alcaldes de Crecente, Salvaterra de Miño e Arbo, ademais de representantes doutros municipios próximos, para abordar a situación e novas propostas en relación cos servizos de tren.

Os participantes na xuntanza coincidiron en manifestar a súa preocupación pola situación dos servizos e as infraestruturas ferroviarias en Galicia, especialmente na contorna da fronteira do Miño, onde o tren presenta importantes carencias.

A ese respecto, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avogou por aproveitar a oportunidade dos fondos europeos previstos para o Corredor Atlántico, a través do Mecanismo Conectar Europa, para impulsar a modernización da liña ferroviaria do Miño.
No encontro, Ethel Vázquez lembrou que o Goberno de España se comprometeu a elaborar un Plan director do Corredor Atlántico que, anos despois do anuncio, segue sen coñecerse.

A Xunta, os Concellos e representantes de Comisións Obreiras concordaron na necesidade de actuar nos servizos e nas infraestruturas ferroviarias para adaptar a oferta ás novas necesidades da poboación, modernizando as instalacións e impulsando a intermodalidade.

Ademais, destacaron que os servizos de proximidade son positivos para sacar o máximo proveito da chegada do AVE a Galicia e para revitalizar o sur e o interior da provincia de Pontevedra.

Na xuntanza tamén se coincidiu na importancia de rehabilitar as estacións da liña do Miño, en mellorar a accesibilidade ou ofrecer servizos complementarios nas estacións de tren, como estacionamento de bicicletas ou recarga de vehículos eléctricos.

A conselleira salientou que a Xunta activou contratos flexibles que permiten melloras de coordinación cos servizos de tren. Neste sentido, Ethel Vázquez amosouse disposta a estudar un mellor acomodo entre os horarios entre o autobús e o tren, a través de comunicacións e negociacións previas para poder adaptalos entre si. Puxo como exemplo o caso da adaptación levada a cabo recentemente pola Xunta nos horarios dos autobuses entre O Barco e A Gudiña, para coordinalos cos do tren a Madrid.

Imaxes relacionadas