Sogama presenta a campaña "O marrón, o contedor que devolve vida" para potenciar a separación dos biorresiduos de orixe doméstica

O obxectivo é potenciar o uso do quinto contedor para a recollida diferenciada da materia orgánica, obrigatoria para os concellos antes do 31 de decembro de 2023

Coincidindo coa Semana Europea da Prevención de Residuos, que se desenvolverá entre o 20 e o 28 de novembro, a Xunta instalará puntos informativos nas localidades de Carballo, Laracha, Cerceda, Arteixo, Oroso e Santa Comba

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021

Baixo o lema O marrón, o contedor que devolve vida e no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos —que se celebrará do 20 ao 28 de novembro—, a empresa pública Sogama levará a cabo unha campaña orientada a potenciar o uso do quinto contedor —o de cor marrón— nos tres concellos pioneiros na súa implantación (Carballo, Laracha e Cerceda), ademais de en Arteixo, e nos de Oroso e Santa Comba, interesados tamén en sumarse á iniciativa.

Nos seis municipios habilitarase un punto informativo, que estará atendido por educadores ambientais especializados en xestión sostible de residuos, a fin de abundar nas boas prácticas vinculadas á redución, á reutilización e á reciclaxe e, máis especificamente, na importancia de valorizar a materia orgánica a través da súa transformación en compost de calidade.

No caso de Carballo, Laracha, Cerceda e Arteixo —onde xa está implantado o quinto contedor—, os monitores centraranse en lembrar o que debe e non debe depositarse neste recipiente, e resolverán as dúbidas trasladadas polos cidadáns en relación á correcta xestión dos refugallos urbanos.

Pola súa banda, en Santa Comba e en Oroso a acción focalizarase sobre o labor do quinto contedor, que chegará ás rúas destes municipios no seu momento, así como nos beneficios que a recollida segregada dos residuos orgánicos reportará de cara ao cumprimento dos obxectivos de reciclaxe fixados pola UE para os próximos anos.

Rede para a valorización da materia orgánica

Os concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, están obrigados a implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón.

Con todo, a Xunta de Galicia e co fin de axudalos nesta tarefa, deseñou e está executando a través de Sogama unha rede de infraestruturas coa que se posibilitará que a meirande parte dos concellos adscritos a esta empresa pública, e que acollen a máis de 2.240.000 habitantes, teñan acceso á valorización da materia orgánica.

Deste xeito, a rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos: a de Cerceda, na Coruña (xa en funcionamento), e as de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense), que contarán co apoio de 13 plantas de transferencia que serán reformadas, adaptadas ou reconstruídas a fin de dotalas dunha tolva específica para o transvase da materia orgánica, que logo será trasladada á planta de compostaxe máis próxima para a súa conversión en compost de alta calidade.

Preténdese así que os municipios galegos dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

Imaxes relacionadas