A Xunta comeza as obras de reforzo do firme na estrada Romeán-Bascuas, no concello de Lugo, cun investimento de case 206.000 €

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade leva a cabo esta actuación con cargo ao plan de conservación, nun treito de 4,6 quilómetros

Lugo, 9 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia comezou hoxe as obras de reforzo do firme da estrada Romeán-Bascuas, no concello de Lugo, que suporá actuar na totalidade desta vía, a LU-106, que ten unha lonxitude de 4,6 quilómetros entre ditas parroquias. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá as obras, nas que a Consellería de Mobilidade e Infraestruturas inviste 205.859 euros, con cargo ao plan de conservación.

Javier Arias explicou que “as obras consistirán no reforzo do firme cunha capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente, co que se mellorará notablemente o pavimento da vía, así coma a súa condución e a seguridade dos usuarios”.

Ademais, a intervención nesta estrada, que une ámbalas dúas parroquias coa LU-530, completarase con outras actuacións de mellora da seguridade viaria, como o repintado da sinalización horizontal e a limpeza de gabias, que teñen por obxecto mellorar as actuais prestacións da vía en beneficio dos usuarios.

As obras comezaron esta mesma mañá e está previsto que acaben nun prazo de cinco ou seis días, dependendo da climatoloxía das vindeiras xornadas. Para o delegado territorial “o remate destas actuacións, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dá resposta ás reivindicacións dos veciños e veciñas das parroquias lucenses de San Pedro de Romeán e Santa María de Bascuas”.
 

Imaxes relacionadas