A Xunta aposta pola ciberseguridade para afrontar os retos asociados á transformación dixital

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe durante a clausura do “I Seminario de Intelixencia Empresarial e Ciberseguridade”, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia, a necesidade da colaboración entre as administracións, empresas e a cidadanía para loitar contra a ciberdelincuencia

Destacou as actuacións da Xunta para garantir a seguridade nos entornos dixitais e a importancia da formación actualizada que se imparte desde a AGASP ás forzas e corpos de seguridade con maior protagonismo dos contidos relacionados cos delitos informáticos e a ciberseguridade

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na clausura do I Seminario de Intelixencia Empresarial e Ciberseguridade a aposta da Xunta pola ciberseguridade para afrontar os retos asociados á transformación dixital, motivo polo cal é un dos eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030. No evento, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), incidiu na necesidade de desenvolver unha fronte común para a loita contra a ciberdelincuencia entre as administracións, as empresas e a cidadanía.
Así, lembrou que as tecnoloxías foron fundamentais durante a pandemia pero o seu maior uso tanto no ámbito persoal como profesional como nas operacións de pago electrónico acelerou o aumento dos incidentes relacionados coa seguridade que se viña mantendo nos últimos anos. Por iso, sinalou que os cambios que implica a transformación dixital debese acompañar dun reforzo das medidas para garantir a seguridade nos entornos dixitais.
Alfonso Rueda puxo como exemplo da aposta da Xunta pola ciberseguridade a posta en marcha do novo Centro de Ciberseguridade de Galicia, que concentrará os servizos de ciberseguridade de Galicia como a actividade do Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (CSIRT.gal) como do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal. A través do CIBER.gal, a Xunta participa coas catro deputacións, os concellos e o Goberno central, ademais doutras institucións públicas e privadas co obxectivo de fomentar a concienciación e formación de autónomos, empresas e a sociedade en xeral en materia de seguridade nas TIC.
Tamén debido ao aumento dos ciberdelitos, o vicepresidente primeiro da Xunta explicou que desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) se reforzou a formación das forzas e corpos de seguridade en delitos informáticos e ciberseguridade. Por unha banda, nos cursos do plan de formación continua anual dirixido a axentes da Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local e Garda Civil, dentro do que se inclúe o módulo de 65 horas e 50 prazas que se está a impartir desde finais de outubro e se prolongará ata finais de ano. Ademais, engadiu que estes contidos estanse a reforzar nos cursos selectivos de ingreso e promoción interna da Policía Local, É o caso dos 97 alumnos da actual 13ª promoción de Policía Local para cubrir prazas en 35 municipios ou os 53 oficiais procedentes de 19 concellos.

Imaxes relacionadas