As novas axudas DGAN 2021 tamén beneficiarán a aqueles deportistas becados que non puideron competir pola covid

Con esta nova convocatoria que acada os 200.000 euros de orzamento e chegará a dúas centenas de deportistas, as Axudas DGAN outorgadas pola Xunta sumarán 6 millóns de euros e ao redor dun milleiro de deportistas beneficiados ao longo da historia

Santiago, 9 de novembro de 2021

A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia o anuncio dunha nova convocatoria das Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel, neste caso as do ano 2021. Desde a creación destas axudas no ano 2005, o importe total das mesmas ascende a máis de 5,8 millóns de euros e beneficiando a cerca de 850 deportistas. Con esta nova convocatoria para 2021, que acada os 200.000 euros de orzamento e chegará a unhas dúas centenas de deportistas, as Axudas DGAN outorgadas pola Xunta sumarán 6 millóns de euros e ao redor dun milleiro de deportistas beneficiados ao longo da historia.
Do mesmo xeito que as Axudas DGAN 2020, a convocatoria conta con seis tipos de axudas: Axuda DGAN 1 (ata 8.000 euros), Axuda DGAN 2 (ata 6.000 euros), Axuda DGAN 3 (ata 4.000 euros), Axuda DGAN 4 (ata 2.000 euros), Axuda DGAN 5 (ata 1.000 euros) e Axuda DGAN 6 (ata 1.000 euros), así como a Axuda D.A. Deportista de apoio/guía (100% da axuda DGAN), que fora unha novidade na convocatoria de 2020 en recoñecemento á colaboración con deportistas DGAN que compiten en modalidades e especialidades deportivas paralímpicas e de deporte adaptado.

A principal novidade desta volta, é a inclusión da Axuda DGAN Compensación COVID19, de cara a intentar compensar os prexuízos causados pola inicidencia da pandemia COVID19. O obxectivo desta axuda é seguir colaborando na preparación daquelas persoas deportistas que xa tiveron axuda DGAN en 2020 e que non puideron competir por causas alleas á súa vontade, directamente vinculadas á cancelación de competicións oficiais ou por sufrir corentenas por contaxio COVID19 ou por contaxios de contactos próximos.

Estas axudas serán asignadas segundo os resultados deportivos acadados durante o ano 20 (non se valorarán resultados acadados en anos anteriores ou posteriores). As bases da convocatoria están publicadas na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e na web http://deporte.xunta.gal dende hoxe. O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá mércores 10 de novembro e estenderase ata o vindeiro día 23.

Borja Golán, Irene Blanco, Antonio Serrat, Laura Martínez, Rodrigo Conde, Sara Álvarez, Roi Rodríguez, María de Valdés, José Cuba, Tania Fernández, Manel Antonio Campos, Saleta Fernández, Sergio Vallejo, Noelia Lalín, Francisco Pérez, Patricia Suárez, Pablo Dapena, Melania Rodríguez, David Arcay, Camila Alonso ou Cándido Carrera serán algúns dos deportistas galegos de alto nivel que poderán acollerse a esta nova convocatoria de axudas. Cómpre lembrar que os deportistas olímpicos e paralímpicos beneficiarios das Axudas Reto Galicia Tokyo con Igualdade non poderán participar desta presente edición.

Tramitación

Do mesmo xeito que na anterior convocatoria, poderán solicitar axuda todos aqueles deportistas que estean ou estiveran recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas de Alto Nivel nalgún momento dos anos 2020 e/ou 2021 (aínda que a día de hoxe non estea vixente o recoñecemento e mesmo na derradeira convocatoria de recoñecementos sempre e cando se produza dentro do prazo de solicitude da presente convocatoria).

A solicitude poderá ser cursada de forma telemática ou a través da liña tradicional de presentación presencial en formato papel. Os formularios normalizados (anexos I e II) están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Pódese utilizar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da propia Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), habilitándose un enlace na Guía de procedementos e servizos co código PR961A (que estará dispoñible a partir de mañá, día mércores 10 de novembro).

A solicitude en formato papel pode ser entregada en calquera rexistro oficial, tal e como se indica no apartado 5 das bases. No caso de efectuar a presentación da solicitude nun rexistro oficial diferente ao propio da Fundación Deporte Galego, as persoas deportistas solicitantes veranse obrigadas a comunicalo no mesmo día por correo electrónico ao enderezo da Fundación (fundaciondeportegalego.pr@xunta.gal), remitindo anexa a propia solicitude e a xustificación de presentación ou imposición, no que deberá figurar a correspondente data. Ademais, deberase remitir unicamente cuberto o anexo I de Solicitude e, se fora o caso, o anexo II de Autorización de representación (menores de idade ou outros casos de representación legal). Non será necesario acudir á federación deportiva galega correspondente para cubrir o certificado de resultados xa que este mesmo será solicitado directamente por parte da Fundación Deporte Galego.
 

Imaxes relacionadas