O conselleiro do Medio Rural, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o delegado da Xunta en Ourense presentaron hoxe esta iniciativa

A Xunta dinamizará e recuperará o Ourense suroriental a través dun Plan integral

O Conselleiro do Medio Rural destacou que parte deste plan se desenvolverá ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que está a iniciar os seus primeiros pasos

Destacou que o plan contempla un orzamento de 140.000 euros, que estarán financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Turismo de Galicia, a Deputación de Ourense e a Fundación Juana de Vega

Monterrei (Ourense), 9 de novembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou esta mañá no Castelo de Monterrei o inicio dun ambicioso plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense. Este plan elaborarase a través dun convenio -dotado con 140.000 euros- entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería do Medio Rural, a Deputación de Ourense e os dez concellos deste territorio (Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, Laza, Castrelo do Val, Vilardevós, Riós, A Gudiña e A Mezquita).
Así, o conselleiro sinalou que parte deste plan desenvolverase ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que contempla numerosas actuacións para fixar poboación neste territorio e fomentar a súa recuperación, dinamización e posta en valor. Neste senso, José González explicou que se prevé actuar nunha zona especialmente afectada polos incendios forestais, polo que é preciso establecer unha planificación orientada á anticipación dos incendios e á recuperación e posta en produción da terra agraria para a creación de emprego no sector primario. Para iso, salientou, poñeranse en marcha varios instrumentos de mobilización previstos na citada Lei de recuperación da terra, procurando reducir o impacto paisaxístico e fomentar un desenvolvemento sostible do territorio.
Nesta liña, o titular de Medio Rural indicou que, tras un estudo pormenorizado da área a traballar, constatouse que a maior parte do territorio ten un uso forestal e agrícola, concretamente de pastos. Así, existen máis de 70.000 hectáreas de montes veciñais en man común, dos cales máis de 58.000 ha son xestionadas pola Administración pública. Nestas zonas, concretou o conselleiro, poñeranse en valor as plantacións de castiñeiro, onde están priorizados seis concellos dentro do Plan estratéxico dos soutos de Galicia. Desta forma, fomentarase a mellora da comercialización e transformación deste produto nunha zona con gran potencial para este tipo de cultivo.
Así mesmo, José González destacou que se apostará por unha mellora global da produción forestal nesta zona, potenciando tamén a produción de frondosas autóctonas e coníferas, tales como o piñeiro. Precisamente, sobre esta especie, o conselleiro lembrou que se acaba de presentar a marca “Pino de Galicia”, polo que pode ser unha alternativa moi rendible para os comuneiros desta área.
No tocante á parte agraria, o titular de Medio Rural indicou que no conxunto destes dez municipios constatouse que hai preto de 3.000 hectáreas de concentración parcelaria en estado de abandono, as cales se poderían recuperar para a posta en marcha de polígonos agrarios centrados en viñedo da Denominación de Orixe Monterrei ou na produción de pemento de Oímbra, entre outros cultivos.
Precisamente, o conselleiro lembrou que o consello regulador de Monterrei solicitara máis de 400 hectáreas para ampliar a súa produción e, ao abeiro da Manifestación de interese de proxectos autonómicos que realizou a Consellería o pasado mes de marzo, para coñecer a demanda de terra das explotacións galegas, houbo un total de 15 solicitudes para este territorio, a meirande parte para ampliar a base territorial de gandarías da zona.
Ademais, neste apartado de recuperación de terras, José González destacou as catro aldeas modelo (Infesta en Monterrei, O Seixo na Gudiña, Pedrosa en Riós e Carzoá en Cualedro) proxectadas na bisbarra, que supoñen a posta en valor de 206 hectáreas en 2.466 parcelas de case 700 propietarios. A isto súmanse outras 200 hectáreas, dixo o conselleiro, coa implementación de catro polígonos agrarios en Oímbra, Vences (en Monterrei), Pousada (en Riós) e Cualedro. A maiores, tamén destacou que se está a facer un estudo inicial para a posta en marcha de polígonos cortalume en máis de 600 hectáreas de superficie nas zonas de Xironda – San Millao, San Millao- San Cristovo e San Cristovo-Medeiros.
Con todo, o conselleiro sinalou que todas estas melloras que se levarán a cabo no rural destes 10 concellos virán complementadas con accións doutros departamentos autonómicos, centrados principalmente na mellora da mobilidade -infraestruturas e transporte público- e da conectividade, coa implementación de cobertura de banda ancha. Pero tamén, dixo, terán cabida accións que reforcen o Camiño de Santiago, as rutas e miradoiros, os establecementos turísticos e o propio patrimonio cultural.
Nesta liña, José González puxo en valor a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que precisamente persegue potenciar tanto a imaxe de marca e identidade dos viños galegos como o turismo vinculado aos territorios onde se producen e que constituirá tamén unha panca de impulso neste territorio.

Imaxes relacionadas