A Xunta salienta a oportunidade que ofrece a dixitalización na mellora competitiva das pemes pontevedresas

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Pontevedra as instalacións de Activiza, empresa que traballa na formación no ámbito do envellecemento activo e que ten impulsado a dixitalización de todos os seus procesos académicos

Grazas ao Cheque Dixital, a compañía activou unha plataforma web e adquiriu equipamento tecnolóxico como parte do proceso para poder impartir todos os seus cursos online

Pontevedra, 9 de novembro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou hoxe en Pontevedra as instalacións de Activiza, unha empresa que traballa na formación no ámbito do envellecemento activo e que ten impulsado a dixitalización de todos os seus procesos académicos. Neste marco, Guldrís puxo á compañía como exemplo das oportunidades que ofrece a dixitalización na mellora competitiva das pemes galegas.

O director do Igape destacou que a compañía foi unha das beneficiarias do programa Cheque Dixital da Xunta de Galicia, o que lle permitiu activar unha plataforma web e adquirir equipamento tecnolóxico como parte do proceso para poder impartir todos os seus cursos online.

“Activiza é un exemplo de que dunha crise pode saír sempre unha oportunidade. A súa aposta pola dixitalización, á que temos contribuído desde o Goberno galego, tenlle permitido mellorar os seus servizos acometendo unha transformación coa que, este ano, triplica a súa facturación”, salientou Guldrís.

Durante a visita, o director do Igape destacou a boa acollida amosada polo Cheque Dixital nas súas dúas primeiras edicións. Neste sentido, só no concello de Pontevedra recibíronse, entre o ano pasado e este, máis de 270 solicitudes dun programa que facilita a pemes e autónomos o desenvolvemento de proxectos que abranguen desde a activación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil ou a automatización de procesos regulados.
Así mesmo, e como destacou Guldrís, só no 2020, esta liña permitiu o desenvolvemento de 114 iniciativas dixitais no concello de Pontevedra, achegando medio millón de euros para a súa posta en marcha.

“Galicia está a saber interpretar o novo contexto dixital, e empresas como Activiza son un bo exemplo disto. Estamos a marcar unha tendencia clara de maior inversión en TIC e maior aposta pola dixitalización”, concluíu Guldrís.