O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na Mesa de Transición Xusta de Meirama

A Xunta colaborará cos concellos de Cerceda, A Laracha, Ordes, Tordoia e Carral na presentación de proxectos que opten ás axudas de transición xusta

A Xunta acaba de asinar os protocolos correspondentes para as zonas de Transición Xusta das Pontes e de Meirama, logo de que o Goberno aceptase incluír o concello de Ferrol nesta delimitación

Conde avanza que Galicia presentará alegacións para poder participar en todo o proceso de avaliación e selección de iniciativas

A Coruña, 9 de novembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a Xunta vai colaborar cos concellos que integran o Protocolo de Meirama —Cerceda, A Laracha, Ordes, Tordoia e Carral— para que poidan presentar proxectos ás axudas para as zonas de transición xusta que cumpran cos criterios de valoración e logren a máxima puntuación posible e o maior retorno para Galicia.

Segundo avanzou, a Xunta acaba de asinar os protocolos correspondentes para as zonas de Transición Xusta de Meirama e As Pontes, logo de que o Goberno aceptase incluír o concello de Ferrol nesta delimitación, algo que se viña reclamando desde hai tempo debido ao impacto no porto. “Desde a Xunta de Galicia xa temos asinado eses protocolos e imos colaborar non só co Ministerio para a Transición Ecolóxica —a través do Instituto para a Transición Xusta— senón, tamén, nomeadamente cos diferentes concellos para impulsar as actuacións e iniciativas que poidan reverter unha situación que vén lastrada polo peche da central térmica”, abondou.

Na xuntanza avaliáronse as axudas que o Goberno central vai canalizar a través do Instituto para a Transición Xusta, dirixidas a financiar proxectos de infraestruturas ambientais, sociais e dixitais nos concellos afectados polo peche de centrais térmicas, como é o caso de Meirama e As Pontes.

A Administración do Estado destina en total un investimento de 91M€ para todos os municipios de España situados en zonas afectadas pola transición enerxética. Estes apoios servirán para a rehabilitación de edificios públicos para novos usos sociais ou para o fomento do emprendemento, a recuperación de espazos naturais ou a posta en valor do patrimonio. No caso de Galicia, os beneficiarios serán os 19 concellos que integran en total as Zonas de Transición Xusta das Pontes e Meirama, a Deputación, as mancomunidades, comarcas, consorcios locais e agrupacións de municipios.

O vicepresidente económico explicou que a Xunta presentará alegacións para reclamar a participación das comunidades autónomas nos diferentes comités que avalíen os proxectos. O obxectivo, dixo, é “poder facer un acompañamento e ter un coñecemento directo das diferentes iniciativas que se poidan propoñer”, xa que as axudas serán de concorrencia competitiva e agárdase que sexan convocadas a finais de ano.

Conde finalizou reiterando que a Xunta vai cos concellos, en primeiro termo, e colaborar co Instituto para a Transición Xusta para que esta orde de axudas “teña o maior impacto posible no noso territorio”.

Imaxes relacionadas