Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, durante o encontro de traballo mantido na tarde de onte

A Xunta aproba a declaración de impacto ambiental da Variante de Ribeira, que suporá un investimento de máis de 9 M€

Ethel Vázquez detalla que a previsión da Xunta é licitar en 2022 as obras correspondentes á 1ª fase, entre a glorieta do final da autovía do Barbanza e a avenida da Constitución

A Axencia Galega de Infraestruturas está a analizar todas as achegas recibidas durante o proceso de información pública, co obxectivo de darlles resposta a finais de ano e incorporando ao proxecto as que sexan tecnicamente viables

A conselleira avanza que se terán en conta as propostas trasladadas polo Concello para a execución dun viaduto no núcleo de Cruxeiras e para a iluminación das glorietas

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de aprobar a declaración de impacto ambiental da Variante de Ribeira, que suporá un investimento autonómico superior aos 9 millóns de euros.

Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, no encontro de traballo mantido onte pola tarde en Santiago, no que tamén lle avanzou a previsión de licitar en 2022 as obras da primeira fase da Variante de Ribeira, para a que se reserva unha partida de 1 millón de euros nos Orzamentos da Xunta de 2022.

Ethel Vázquez lembrou que o pasado ano a Xunta someteu a información pública, tamén a efectos expropiatorios, o proxecto de trazado, coa previsión de executar a Variante de Ribeira en dúas fases: unha primeira, que conectará a glorieta do final da autovía do Barbanza coa avenida da Constitución; e unha segunda, que irá desde esta avenida ata a estrada da costa (DP-7307), facilitando así, tamén, un novo acceso ao porto de Ribeira.

Tras ese proceso de información pública, a Axencia Galega de Infraestruturas está agora a analizar as achegas recibidas co obxectivo de que a finais de ano se lles poida dar resposta, incorporando ao proxecto aquelas que sexan tecnicamente viables.

Entre elas, segundo lle confirmou a conselleira ao alcalde, teranse en conta as propostas realizadas polo Concello de Ribeira, para a execución dun viaduto, en lugar de muros, no núcleo de Cruxeiras (pk 0+580 a 0+660), ademais da proposta de iluminar as glorietas previstas.

A Variante de Ribeira é unha vía de novo trazado de 3,1 quilómetros de lonxitude que mellorará as comunicacións de todo o concello e reducirá nun 50% o tempo de percorrido, ao circunvalar o núcleo de Santa Uxía, liberando de tráficos o centro e facilitando o acceso á zona sur.

Suporá unha nova entrada por estrada ao núcleo de Ribeira, alternativa á actual, que desde o norte parte desde a rotonda da autovía, continuando ata a avenida da Constitución e finalizando na praia de Touro.

A primeira fase, que discorre bordeando o núcleo urbano, desde o final da autovía ata a avenida da Constitución, concentra a maior parte do investimento, arredor de 6 M€. A segunda fase correspóndese co treito máis urbano e discorrerá ata a praia de Touro.

Imaxes relacionadas