A Xunta pide valentía ao Goberno central de cara a prohibir a venda a perdas nas relacións contractuais cos operadores primarios

José González reiterou ao Goberno central que teña en conta no texto final da Lei da cadea alimentaria -actualmente en tramitación no Senado- o recoñecemento da Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción

Tamén pediu activar controis específicos por parte da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA) para garantir o cumprimento da prohibición da venda a perdas nas relacións nas que interveñan os operadores primarios

Trasladou o descontento e a preocupación que existe no seo do sector forestal de Galicia en relación coa Estratexia Forestal da UE e reiterou a aposta de Galicia pola recuperación e pola ordenación do territorio de cara á anticipación aos incendios
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta tarde no Consello consultivo de política agrícola para asuntos comunitarios onde solicitou novamente ao Goberno central ter en conta a demanda de incorporar no artigo 12 ter da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria -actualmente en tramitación no Senado- o recoñecemento dos resultados económicos da Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción.
Así, o conselleiro sinalou que se está da constatar un incremento nos custos de produción e que esta situación está afectando ás explotacións agrogandeiras galegas, en especial ás de vacún de leite e de carne. Neste senso, insistiu en que non se pode consentir que haxa venda a perdas no sector primario e, por iso, é preciso regular esta cuestión para suprimir a actual descompensación que hai entre os distintos elos da cadea alimentaria, concretamente entre produtores e industrias. Por isto, o conselleiro demandou valentía ao Ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luís Planas, de cara a prohibir a venda a perdas nas relacións contractuais cos operadores do sector primario.

Nesta liña, o titular de Medio Rural volveu a insistir na necesidade de facer unha revisión da normativa para construír un marco lexislativo que consiga o obxectivo de que calquera produtor agrícola ou gandeiro español obteña un prezo polos seus produtos que cubra os custos de produción máis a marxe de beneficio que se determine. A maiores, co conselleiro solicitou ao ministro a activación de controis específicos por parte da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA) para o cumprimento da prohibición da venda a perdas.

Neste senso e no caso concreto do lácteo, José González explicou que precisamente a Conta Láctea, a ferramenta informática creada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, permite calcular os custos de produción, o que permite aos gandeiros mellorar a súa posición negociadora sobre os prezos do leite. Así, o conselleiro sinalou que nestes momentos xa son máis de 200 os gandeiros que están a empregar esta ferramenta e que, ademais, a Consellería está pechando con organizacións, cooperativas e asociacións de asesoramento o uso xeneralizado desta ferramenta.

Finalmente, José González trasladou ao ministro Planas o descontento e a preocupación que existe no seo do sector forestal de Galicia en relación coa Estratexia Forestal da Unión Europea. Neste aspecto reiterou a aposta de Galicia pola recuperación e pola ordenación do territorio de cara á anticipación aos incendios, apoiando, como non pode ser doutro xeito, a diversificación de especies.
 

Imaxes relacionadas