O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Lalín as empresas Gantex Studio e Vifergal

A Xunta apoia un total de 63 proxectos galegos de fabricación de materiais de protección contra a covid-19 que mobilizaron 12,7 millóns de euros

A meirande parte das iniciativas impulsadas polo Goberno galego pertencen á provincia de Pontevedra e suman un investimento de 4,2 millóns de euros

Conde destaca que Galicia ten neste momento unha capacidade de produción de máis de 1,4 millóns de máscaras ao día

Asegura que a futura Lei de áreas empresariais de Galicia axudará aos Concellos Emprendedores a impulsar a súa economía e facilitarlles a concesión de axudas

A Administración autonómica concedeu durante o último ano e medio axudas a 241 empresas e negocios do municipio de Lalín, a través de diferentes liñas de apoio, cun importe de preto de 1,5 millóns de euros

Lalín (Pontevedra), 8 de novembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Lalín as instalacións de Gantex Studio e Vifergal, dúas empresas que adaptaron o seu negocio e incorporaron a fabricación de máscaras coa chegada da pandemia. En total, tal e como destacou Conde, a Xunta ten apoiado 63 proxectos deste tipo a través de dúas liñas de axudas para apoiar a fabricación de materiais de protección para que Galicia tivese a capacidade de autoabastecerse.

En concreto, destas máis de 60 iniciativas, que mobilizaron 12,7 millóns de euros, 30 pertencen á provincia de Pontevedra e suman un investimento de 4,2 millóns de euros aos que o Goberno galego achegou algo máis da metade (2,4M€). Apoiar a reorganización produtiva da compañías e impulsar proxectos de maior envergadura que a produción habitual foron os principais obxectivos da Administración á hora de lanzar estes apoios.

“Aquí en Lalín se están a producir preto de 50.000 máscaras ao día e, no total de Galicia, son 1,4 millóns que están abastecendo as necesidades locais e tamén vendas a outras comunidades e países”, destacou Conde en relación ao esforzo e á capacidade de adaptación do tecido produtivo local.

Así, asegurou que o Goberno galego seguirá a traballar conxuntamente tanto co tecido produtivo, apoiando as súas iniciativas, como co concello, sinalando a partida de 2,4 millóns de euros nos orzamentos do vindeiro ano destinada para a ampliación do polígono Lalín 2000. Así, esta actuación vai permitir poñer á disposición do tecido produtivo 317.000 metros cadrados de solo industrial.
Co obxectivo de captar novos investimentos e que as empresas poidan desenvolver a súa actividade cos mellores servizos e facilidades, Conde recordou que a Xunta está a elaborar a primeira Lei de áreas empresariais de Galicia coa que se pretende axilizar e flexibilizar a creación de solo empresarial e crear reservas estratéxicas de solo. A través desta norma vanse regular os Concellos Emprendedores, como é o caso de Lalín, para blindalos e facilitarlles axudas e incentivos prioritarios, de xeito que terán 30 días para autorizar unha licenza; 15 cando se trate de actividades empresariais estratéxicas; e, no caso de non existir resposta, a licenza outorgarase por silencio administrativo.

“É un compromiso, polo tanto, por parte do Concello de Lalín ao ser Concello Emprendedor para ser áxil desde o punto de vista administrativo e tamén coas bonificacións dos impostos e das taxas municipais que se aplican en función da creación de emprego. Un compromiso que está a asumir para atender ao máis importante nestes momentos, que é xerar emprego e atender ás propostas de crecemento do tecido produtivo e, ao mesmo tempo, ter a capacidade de atraer novos investimentos”, indicou.

Axudas aos negocios lalinenses

Tendo presente o contexto actual, Conde fixo referencia ao respaldo da Xunta ás empresas galegas para impulsar unha recuperación intelixente e sostible da economía galega. Así, sinalou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación concedeu durante o último ano e medio, coincidindo co período da crise sanitaria, axudas a 241 empresas e negocios do municipio de Lalín por un importe de preto de 1,5 millóns de euros.

A maior parte destas achegas procederon do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aprobou un total de 206 por unha contía de 1,2 millóns de euros. Estas se distribuíron a través de practicamente todas as ordes de axudas convocadas, como foron as de internacionalización, axudas para servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización e innovación, Industria 4.0, accións de promoción exterior, dixitalización, apoio de acceso ao crédito, reorganización produtiva, comercio ao retallo, seguridade laboral ou terrazas.

Así mesmo, neste período tamén se outorgaron 30 axudas para mellorar a eficiencia enerxética por parte do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) por valor de 212.234 euros e outras cinco da Axencia Galega de Innovación (Gain) cunha contía de 54.973 euros.

Imaxes relacionadas