A Xunta somete a información pública o proxecto de construción dunha senda peonil na estrada AC-404 entre a Ponte e Santa Catalina, en Santa Comba

A actuación de mellora da seguridade viaria e de fomento da mobilidade sostible suporá un investimento autonómico de arredor de 155.000 euros

Executarase un itinerario peonil na marxe dereita desta vía autonómica, de 1,8 metros de ancho e 450 metros de lonxitude, con bordo de separación da calzada e gabia de seguridade, dando continuidade á zona de beirarrúas existente, antes e despois

No punto quilométrico 2+210 proxéctase un muro de coieira de 8,5 metros de lonxitude para non afectar ao rego das Dornas
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-404, entre A Ponte e Santa Catalina, no concello de Santa Comba.

A actuación de mellora da seguridade viaria e de fomento da mobilidade sostible suporá un investimento da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de arredor de 155.000 euros.
Executarase unha senda peonil pola marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica, de 1,8 metros de ancho e 450 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 1+880 e 2+330, separada da calzada por un bordo e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.

O proxecto atende á solicitude trasladada polo Concello para dotar a zona dun itinerario peonil, que terá continuidade nos dous sentidos coas beirarrúas xa existentes antes e despois do tramo obxecto da actuación. No punto quilométrico 2+210 proxéctase un muro de coieira de 8,5 metros de lonxitude para non afectar ao rego das Dornas.

O Diario Oficial de Galicia, simultaneamente ao trámite de información pública, recolle a efectos expropiatorios a relación dos 9 predios necesarios para executar este novo itinerario. Do mesmo xeito, sométese o proxecto a información pública en relación coa protección do dominio público hidráulico e coas actuacións neste ou na súa zona de policía.
O período de presentación de alegacións estenderase durante un período de trinta días hábiles, contados a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3wno84x
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios.