O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias presentou esta aplicación no edificio multiusos Terra de Xallas

A Xunta explica a gandeiros de Santa Comba as posibilidades que ofrece Conta Láctea para mellorar a súa posición negociadora sobre os prezos do leite

Esta ferramenta informática, creada polo Goberno galego xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo, está concibida tamén para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras

José Balseiros reiterou a solicitude de Galicia ao Goberno central para que teña en conta na Lei da cadea alimentaria esta aplicación como forma de acreditación do custo efectivo de produción

Santa Comba (A Coruña), 8 de novembro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado por José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, informou hoxe aos gandeiros do concello coruñés de Santa Comba sobre a nova Conta Láctea.
Na xuntanza explicouse o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática, creada pola Xunta en colaboración con esta fundación, para calcular os custos de produción das explotacións leiteiras. Dita presentación forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.
Neste senso, José Balseiros destacou que a principal finalidade da aplicación é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. Para acadar estes obxectivo, a aplicación -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.

Lei da cadea alimentaria

Nesta liña, o director xeral lembrou que a Xunta non pode fixar prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros, porque isto non está permitido pola normativa de competencia española ao consideralos unha restrición ao libre mercado. Por iso, dende a Xunta solicitóuselle ao Goberno do Estado que teña en conta na Lei da cadea alimentaria -actualmente en tramitación no Senado- esta aplicación como forma de acreditación do custo efectivo de produción, co fin de asegurar que se cubran os custos de produción e unha marxe de beneficio para os gandeiros e evitar así a venda a perdas.
Nesa liña, José Balseiros apuntou que a Xunta segue traballando na defensa e apoio aos produtores galegos, porque desta forma impúlsase todo o sector primario. Así, lembrou que a Administración galega está a facer os seus deberes coa implantación das medidas contidas na Estratexia do sector lácteo e, a través dela, xa iniciou a tramitación do Observatorio lácteo -co fin de acadar unha mellor estrutura sectorial- e da marca Leite de pastoreo de Galicia, un selo que vén reforzar Galega 100% da que se está a facer unha promoción inxente.
Así mesmo, cómpre tamén destacar a propia profesionalización do sector, dixo o director xeral, materializada na celebración de ata cinco edicións dos cursos de Gandeiros 20-30, e a posta en marcha do Plan de pastos e da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirán dotar de base territorial ás explotacións galegas coa implantación de polígonos agrarios, no caso do lácteo para a produción de forraxes.
O acceso a Conta Láctea pódese facer a través da páxina web de Medio Rural, no seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.

Imaxes relacionadas