Trenor supervisou as obras de mellora que se están executando na Oficina Agraria Comarcal de Santiago cun investimento de case 50.000€

O delegado da Xunta recalcou que as referidas actuacións enmárcanse no Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais

Os obxectivos fundamentais destes traballos son dar unha resposta óptima ás demandas actuais da poboación rural e mellorar as condicións laborais das persoas que desenvolven as súas tarefas nas ditas oficinas

Santiago de Compostela (A Coruña), 8 de novembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a oficina agraria comarcal de Santiago na que se está levando a cabo unha actuación de mellora integral que conta cun orzamento próximo aos 50.000 euros.
Entre as actuacións que se levarán a cabo destacan a instalación dun novo sistema de ventilación con recuperador de calor, a substitución de portas, acondicionamento e pintura, a renovación da iluminación e a renovación da carpintería interior

Ademais, estase executando a construción de vestiarios e aseos para os traballadores que saen ao campo, a construción dunha sala de videoconferencias e dun almacén para o depósito das mostras realizadas, habilitarase tamén unha zona administrativa e completarase a reorganización dos despachos xunto coa instalación de vinilos de control solar na fachada para limitar as ganancias térmicas

Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais

O delegado da Xunta recalcou que as referidas actuacións enmárcanse no Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais iniciado pola Xunta, que inclúe tanto actuacións de optimización de tipo organizativo e funcional, como de mellora das infraestruturas e da dotación das oficinas.

Os obxectivos fundamentais das diferentes actuacións deste plan son, por unha parte, dar unha resposta óptima ás demandas actuais da poboación rural en relación aos servizos públicos e, ao mesmo tempo, mellorar as condicións laborais das persoas empregadas públicas que desenvolven as súas tarefas nas ditas oficinas, o que repercute positivamente na relación entre a Xunta de Galicia e o sector primario.

Imaxes relacionadas