O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reúnese cos tres reitores das universidades públicas galegas para expoñer o acordo de estabilidade para os próximos anos

A Xunta e as tres universidades públicas consensúan o seu maior Plan de financiamento, que mobilizará máis de 3.200M€ ata 2026, 761M€ máis que no período anterior

Román Rodríguez agradece aos reitores “o seu compromiso, a súa capacidade de diálogo e a súa xenerosidade á hora de sacar adiante un acordo tan relevante”

Subliña a súa “gran transcendencia para o conxunto da sociedade”, cun orzamento un 31% maior ao previsto inicialmente no Plan 2016-2020 e que representa “o apoio máis elevado da historia da Xunta ás universidades galegas”

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia e os reitores das tres universidades públicas presentaron hoxe as principais liñas do Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026, un documento consensuado entre as partes que mobilizará máis de 3.200M€ no vindeiro quinquenio. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto cos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; de Vigo, Manuel Reigosa, e da Coruña, Julio Abalde, explicaron na presentación que os fondos deseñados supoñen un 31% máis ca os inicialmente previstos para o plan no período 2016-2020 (2.447M€). Se temos en conta a contía final do mesmo período (2.669M€), o incremento supera o 20,2%.

“Con esta nova folla de ruta –sinalou Román Rodríguez –buscamos tomar toda esa experiencia acumulada para seguir reforzando os obxectivos estratéxicos do Sistema Universitario de Galicia”. “Non en balde, este plan supón que as universidades galegas recibirán o maior apoio da historia por parte da Xunta de Galicia”, destacou.

Así mesmo, o representante do Goberno galego sinalou que as contías xa comprometidas nos orzamentos de 2022 para o plan ascenden a máis de 468M€, un incremento do 5,4% respecto do actual ano actual. Serán un total de case 24M€ máis que en 2021, dos que aproximadamente o 40% se corresponden coa evolución da masa salarial ou o PIB, entre outros conceptos, e os máis de 14M€ restantes constitúen o novo Fondo de Estabilidade Financeira, Eficiencia e Mellora Estratéxica.

Esta nova partida, de fomento de actuacións de melloras en aspectos específicos da actividade universitaria, repartirase a partes iguais entre as universidades no ano 2022. A partir de 2023, para acceder ao reparto, cada unha delas deberá acreditar o cumprimento dunha serie de obxectivos establecidos, por exemplo contar cunha contabilidade analítica publicada ou reformar as titulacións duplicadas ou con pouca demanda, entre outros.

A maiores das contías do plan, avalíase a creación dun programa de investimentos en materia de infraestruturas en edificios singulares das universidades, que contaría xa en 2021 cun adianto de 4,5M€ vencellado a melloras de eficiencia enerxética, e que se comezará a impulsar a inicios de 2022.

Diálogo para blindar as universidades

Román Rodríguez quixo agradecer aos reitores das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) “o seu compromiso, a súa capacidade de diálogo e a súa xenerosidade á hora de sacar adiante un acordo tan relevante como é este novo Plan de financiamento universitario 2022-2026”, así como á Consellería de Facenda, “pola súa implicación nesta negociación compartida”. “Un instrumento fundamental á hora de blindar as achegas das universidades a medio prazo, xa que garante a súa proxección estratéxica a cinco anos en materias centrais como son a viabilidade financeira, a contratación do persoal e o seu posicionamento ou a súa especialización”, destacou.

“Estamos diante dun acordo dunha gran transcendencia para as universidades galegas pero por suposto, por extensión, para o conxunto da sociedade –incidiu o conselleiro–tendo en conta o papel central que estas institucións ocupan na nosa sociedade. “Un verdadeiro acordo que permitirá consolidar o papel das nosas universidades como referente dentro e fóra de España e que demostra que a capacidade de diálogo, a coordinación e a cooperación entre as administracións públicas son a chave para acadar acordos de país que nos fan avanzar como sociedade”, salientou

Estrutura en dous fondos

A nova estrutura do Plan de Financiamento Universitario consolida e mellora o modelo dinámico e flexible do anterior plan e avanza no reparto de fondos baseado 100% en criterios/indicadores coñecidos, contrastables e homoxéneos. Deste xeito, as universidades coñecen de antemán as regras de reparto e os criterios que se teñen en conta , o que lles permite planificar estratexias para mellorar o seu financiamento.

En calquera caso, mantense a estrutura en dous fondos diferenciados: financiamento non condicionado e financiamento da investigación. O primeiro deles inclúe seis subfondos: custe estándar, gasto corrente e mantemento de infraestruturas, complementos retributivos e compensación por matrículas, custes asociados ao funcionamento do Sistema Universitario de Galicia (Consellos Sociais, etc), o devandito o novo Fondo de Estabilidade Financeira, Eficiencia e Mellora Estratéxica e o Panel de Indicadores vinculado ao cumprimento de resultados en máis de 40 ítems por parte de cada universidade.

O segundo fondo, de financiamento da investigación, cubrirá todas as accións relativas ao fomento da I+D+i, a transferencia de coñecemento e a captación de talento en base a convocatorias de concorrencia competitiva (como as de axudas pre e posdoutorais ou de investigador distinguido) e convenios.

Eixos de actuación

O novo plan de financiamento centra as actuacións en seis eixos considerados fundamentais para a mellora dos resultados do Sistema Universitario de Galicia, e que sustentan tanto o Panel de Indicadores do Fondo non Condicionado como os principios para o seguimento social dos resultados do Plan.

O primeiro deles será o financiamento, para o que se terá en conta a determinación do financiamento global das universidades, contabilizando todos os fondos que reciban fóra do plan, públicos e privados. Outro dos principais eixos é a internacionalización, para o que se promoverá o posicionamento das universidades galegas en niveis competitivos a nivel global nos diferentes ránkings. Ao tempo, no marco do terceiro eixo, impulsaranse as relacións universidade-empresa.

Entre os obxectivos primordiais tamén figura a docencia innovadora, polo que se promoverán novas metodoloxías docentes ou o desenvolvemento das competencias específicas para cada título. Todo acompañado dun desenvolvemento acelerado das tecnoloxías facilitadoras do proceso formativo, unha dixitalización para a que este ano a Xunta xa destinou 10M€ ás universidades. Outro dos eixos consiste no impulso da investigación avanzada, para o que se abordará un novo salto de calidade cun modelo propio de carreira investigadora, a consolidación da rede dos centros e o incremento da captación de talento fóra da universidade galega.

Finalmente, procurarase unha maior sustentabilidade social e medioambiental das universidades, xerando continuo impacto positivo para acadar unha sociedade máis xusta e máis proactiva co coidado do planeta e coa loita contra o cambio climático.

Rendición de contas

O novo plan de financiamento basea a súa concepción, deseño e desenvolvemento no feito de que é un plan da Xunta de Galicia para o Sistema Universitario de Galicia (no que as tres universidades conforman un conxunto integrado e coordinado), que procura unha mellora integral. Así mesmo, constitúe un esforzo compartido dado que, afondando no camiño do anterior plan, cuantifícanse os recursos públicos que deben mobilizar as universidades ao longo do quinquenio, tanto vinculados ao plan como alleos ao mesmo.

O obxectivo global do Plan de Financiamento é blindar o orzamento das universidades galegas, dotándoas de certezas que lles permitan planificar as súas actuacións. Non en balde, Galicia é unha das dúas autonomías (a outra é o País Vasco) en que as universidades sempre tiveron unha programación plurianual cun blindaxe orzamentario. Isto permitirá mellorar a súa calidade, en base aos devanditos eixos de actuación, cuxo cumprimento se cuantificará a través do Panel de Indicadores do Fondo non Condicionado.

A maiores, a rendición de contas é un dos principios metodolóxicos inspiradores do novo plan , tendo en conta a importancia de que os cidadáns perciban claramente os resultados e retornos principais das universidades. Neste sentido, o documento inclúe un Cadro de Mando, baseado tamén nos seis eixos de actuación, no que se recollerán os obxectivos acadados para informar á sociedade dos mesmos, que se revisará e publicará anualmente.

Balance do Plan 2016-2020

O conselleiro de Educación fixo, ademais, balance do Plan de Financiamento do período 2016-2020, cuxo orzamento real (entre partidas públicas dentro e fóra do plan) superou en 192M€ o estimado inicialmente, ata chegar aos 2.669M€. A maiores, froito da súa prórroga, as universidades galegas recibiron da Xunta en 2021 unha partida de 444,4M€ en Plan de Financiamento e outra contía adicional de 10M€ para dixitalización, unha cifra que o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou como “un teito histórico de transferencias do Goberno galego ás universidades”.

“Non hai máis que repasar o balance do Plan de financiamento vixente para ver a importancia que tivo este instrumento á hora de impulsar o Sistema Universitario Galego e o importante esforzo financeiro que supuxo por parte da Xunta de Galicia dotar dun marco de estabilidade ás nosas universidades”, salientou Román Rodríguez.

Deste xeito, as universidades están a recibir un financiamento por alumnado moi superior á media nacional. Non en balde, Galicia é a cuarta CCAA en transferencias correntes e de capital por estudante de grao (9.337€), terceira en esforzo financeiro en termos relativos ao PIB autonómico. “En concreto, destinamos a estas institucións 0,71% do noso PIB, moi por riba da media española (0,58%)”, explicou o conselleiro.

Ademais, as universidades públicas galegas, recuperaron xa en 2018 o importe global das achegas do Plan de financiamento que tiñan antes da crise económica.

Imaxes relacionadas