A conselleira de Política Social participou por videoconferencia no XVII Congreso de Asociacións de Persoas Maiores

Fabiola García sinala que as casas do maior permiten ofrecer atención diúrna a 455 persoas maiores do rural

Lembrou que as administracións deben poñer á disposición das persoas maiores ferramentas que lles permitan decidir onde vivir

Puxo como exemplo tamén o Servizos de Axuda no Fogar, no que Galicia é líder nacional, ou o programa Xantar na Casa, que achega menús sans e equilibrados ás persoas que viven soas

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que as casas do maior permiten ofrecer atención diúrna a 455 persoas maiores do rural galego durante a súa intervención no XVII Congreso de Asociacións de Persoas Maiores no que participaron representantes dos Gobernos autonómicos de Estremadura, Madrid e a Comunidade Valenciana. Puxo en valor estes recursos de conciliación por permitir crear una rede de atención de proximidade naqueles concellos menos poboados.

A conselleira lembrou que as administracións deben poñer á disposición das persoas maiores todas as ferramentas posibles para ter a liberdade de decidir onde prefiren vivir. Ademais das casas do maior, puxo como exemplo o Servizo de Axuda no Fogar, no que Galicia é líder a nivel nacional e co que atende a máis de 24.000 persoas nas súas casas, ou o programa Xantar na Casa, que achega menús sans e equilibrados ás persoas maiores que viven soas.

Así mesmo, Fabiola García apuntou que o obxectivo do Goberno galego é favorecer o envellecemento activo e para iso impulsa medidas que axuden aos galegos a vivir esta etapa vital con novos proxectos e actividades. Neste sentido, enumerou a universidade sénior, que permiten que as persoas maiores retomen ou inicien cursos universitarios, ou os programas de voluntariado sénior, para seguir aportando a súa experiencia e que deste xeito lle sexa útil a toda a sociedade.

Imaxes relacionadas