O conselleiro do Medio Rural e a secretaria xeral da Igualdade presentaron o proxecto “O rural contra a violencia de xénero”

A Xunta enxalza o labor levado a cabo polos grupos de desenvolvemento rural de Galicia para erradicar a violencia de xénero

Apostando pola igualdade no medio rural, José González reafirmou o compromiso do seu departamento coas mulleres dándolles prioridade en normas como a Lei de recuperación da terra e en axudas como as de incorporación ao agro

Puxo en valor o proxecto presentado hoxe, que contempla máis de medio cento de actividades deica o 25 de novembro nos ámbitos de actuación dos 24 GDR galegos, sendo a principal unha andaina común contra o machismo o sábado 13 de novembro

Coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, nel tamén participa a Axencia de Turismo de Galicia no marco do acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentaron esta mañá o proxecto “O rural contra a violencia de xénero”, que inclúe un amplo programa de actividades organizadas polos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de toda Galicia. Acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o conselleiro enxalzou o labor destes grupos para erradicar do rural esta lacra, con accións como as que hoxe se presentan para levar a cabo deica o 25 de novembro, data na que se conmemora o Día mundial da eliminación da violencia contra a muller.
A Axencia de Desenvolvemento Rural, responsable de coordinar todos os grupos de desenvolvemento rural da comunidade, é a artífice desta iniciativa, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Foron os propios 24 GDR os que deseñaron e organizaron un completo programa de actividades socioculturais cuxo acto central consistirá nunha andaina popular que, baixo o lema “O rural contra a violencia de xénero”, percorrerá Galicia o vindeiro sábado 13 de novembro.
Deste xeito, a andaina popular quere implicar a miles de persoas do rural para que, o mesmo día e á mesma hora, camiñen desde 24 puntos distintos do noso territorio para reclamar o fin da violencia machista e defender a igualdade. A través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta tamén quere poñer en valor os diferentes roteiros de peregrinación do Camiño de Santiago, co gallo do Xacobeo 21-22.
Na súa intervención, o conselleiro do Medio Rural agradeceu a organización deste proxecto na defensa das mulleres que, segundo destacou, son maioritarias no noso rural. Lembrou que todas elas teñen prioridade en normas do seu departamento como a Lei de recuperación da terra agraria ou en axudas como as de plans de mellora, incorporación de mozos e mozas ao agro e creación de pequenas explotacións.
Apostando por un rural en igualdade, José González tamén tivo palabras de louvanza para o papel fundamental que desempeñan os grupos de desenvolvemento rural contra o machismo. Ao tempo, lembrou que Galicia foi unha das primeiras comunidades en garantir a continuidade destes colectivos ata o ano 2023, tras unha inxección total de 10,5 millóns de euros destinados a financiar a súa actividade.
Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, agradeceu a implicación na loita contra a violencia de xénero dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia. “Grazas a súa implantación no territorio, facemos un efecto multiplicador no ámbito da prevención e sensibilización no medio rural, xunto ás federacións e asociacións de mulleres do rural, facendo posible que se coñezan os recursos que temos no Goberno Galego para loitar contra esta lacra que nos avergoña como sociedade”, apuntou.

Outras actividades

A andaina popular é o acto central do proxecto “O rural contra a violencia de xénero”, que inclúe un amplo programa de actividades nos máis de 300 municipios que forman parte dos grupos de desenvolvemento rural e que arranca hoxe con visitas de contacontos a distintos colexios.
Exposicións, concursos de debuxo e fotografía, concertos, proxección de documentais con testemuños de vítimas de violencia machista, actividades e charlas en colexios, teatro ou puntos de atención itinerantes para vítimas de violencia machista son algunhas das accións deseñadas polos GDR que se poñerán en marcha durante as próximas dúas semanas.
 

Imaxes relacionadas