A Xunta inicia un amplo programa con motivo do 25-N con xornadas de sensibilización na universidade e formación nos concellos contra a violencia de xénero

As actividades polo Día internacional contra a violencia de xénero comezan mañá en Santiago coa III Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual entre a mocidade, que se desenvolverá nos sete campus universitarios

Un total de 189 concellos, adheridos á rede galega contra a violencia de xénero, participarán na formación que se desenvolverá ata decembro deste ano

O prazo para participar no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais dirixido ao alumnado dos centros educativos non universitarios remata o 15 de novembro

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2021

A Xunta levará a cabo un amplo programa de actividades con motivo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero, no que se inclúe, entre outros, unha campaña de sensibilización e prevención da violencia sexual entre a mocidade dirixida á universidade, un concurso de carteis para os centros de educación non universitaria e un plan de formación nos concellos e nos centros de información á muller (CIM). Todas estas actuacións, que organiza a Consellería de Emprego e Igualdade, teñen un mesmo obxectivo: concienciar á sociedade sobre a lacra social que é a violencia de xénero.
A terceira edición da Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual contra a mocidade, que se enmarca na campaña autonómica Agresión Off, eu digo non á violencia sexual, terá lugar nos sete campus das tres universidades galegas e inclúe charlas divulgativas impartidas tanto por persoal experto nesta materia como docentes das unidades de igualdade das tres universidades. É preciso lembrar que a violencia sexual, os abusos sexuais e o acoso sexual son formas de violencia de xénero na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
A campaña, coa que colabora a Universidade, comeza mañá 8 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago (Campus Vida) e continuará ao longo deste mes: o día 10 de novembro en Ourense, o 11 en Ferrol, o 16 na Coruña, o 17 en Pontevedra, o 23 en Lugo e o 24 en Vigo. A inscrición para participar nesta iniciativa é gratuíta e se pode realizar 48 horas antes da celebración de cada xornada a través da páxina web www.xornadasagresionoff.gal. Ao remate entregarase un diploma acreditativo de asistencia ás persoas participantes.
O programa da Xunta con motivo do 25-N inclúe ademais este ano un Plan de formación para os concellos incluídos na Rede galega contra a violencia de xénero e para os centros de información á muller (CIM). En canto á iniciativa dirixida ás entidades locais, un total de 189 concellos participarán en diferentes actividades como exposicións, obradoiros e charlas, entre outros, que se desenvolverá ata finais de ano. En total, ofértanse 12 actividades diferentes baixo un mesmo obxectivo: loitar contra a violencia de xénero.

A formación nos CIM inclúe catro xornadas formativas sobre atención psicolóxica, servizos xurídicos, novas formas de violencia de xénero e planificación e programación de accións en materia de igualdade para 2022. Solicitaron participar nesta actuación preto de 130 persoas traballadoras dos centros de información á muller.

Concurso de carteis

A Xunta, doutra banda, e dentro das actividades con motivo do 25-N, convocou un certame o pasado mes de outubro de imaxes gráficas e pezas audiovisuais. Está dirixido aos centros de educación non universitarios que poden presentar os seus traballos ata o próximo 15 de novembro. A páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade recolle as bases da convocatoria coa que se pretende enviar unha mensaxe rotunda do non á violencia de xénero e contribuír a que se faga unha reflexión ao respecto. O prazo de entrega das participacións permanecerá aberto ata as 15,00 horas. O concurso está aberto aos alumnos e alumnas do ensino non universitario de centros galegos que imparten educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais.
Poden presentar os seus traballos de xeito individual ou en equipos constituídos por un docente e un máximo de 8 persoas, procurándose a representación equilibrada de alumnos ou alumnas. Priorizarase que a elaboración das imaxes gráficas e pezas audiovisuais formen parte dun traballo global, que integre a sensibilización e a valoración crítica da resposta colectiva ante a violencia de xénero.
Outras actividades que se desenvolverán para conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero son o Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público, que se celebrará os días 18 e 19 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago; o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade, o 26 de novembro e Santiago de Compostela; e a organización da andaina contra a violencia de xénero baixo o lema Camiño ao respecto. Así mesmo, a Xunta distribuirá diverso material informativa sobre a campaña NON entre os CIMs, as delegacións territoriais da Xunta ou oficinas xudiciais, entre outros.

Imaxes relacionadas