Outubro foi un mes seco e cálido en Galicia, con temperaturas medias case 1 grao por riba do habitual

O avance do último informe de MeteoGalicia conclúe que durante o primeiro mes do outono choveu na Comunidade un 19% menos que no período histórico de referencia

As temperaturas máximas rexistradas foron moi cálidas para esta época do ano
 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021

O mes de outubro en Galicia caracterizouse por ser un período seco e cálido, xa que choveu un 19% menos do habitual e as temperaturas medias situáronse 0,97 graos por riba do agardado.

Así consta no avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que subliña tamén que as últimas semanas estiveron marcadas pola alternancia de períodos curtos pero intensos de borrascas, con outros anticiclónicos longos acompañados de aire cálido.

A característica máis salientable do mes pasado foi a temperatura, con valores no caso das máximas que se poden considerar incluso moi cálidos para esta época do ano. En todo caso, non hai que remontarse moi atrás para atopar un outubro máis caloroso que o deste ano. De feito, o precedente máis recente foi o de 2017, cando a anomalía media da temperatura en Galicia foi de 2,43 graos máis.

En canto ao comportamento dos termómetros por zonas e aínda que en xeral as anomalías foron positivas, houbo contrastes dentro da Comunidade. Os valores máis altos en canto ás temperaturas medias concentráronse en zonas altas de Pontevedra, Ourense e Lugo onde localmente acadaron ata 3 graos por riba do habitual.

Pola contra, no norte de Galicia e no concello de Monforte de Lemos os datos das temperaturas medias se moveron en valores próximos á media histórica polo que pode considerarse que estas zonas viviron un mes de outubro normal.

Menos chuvia e cunha distribución heteroxénea

Atendendo aos valores das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade, outubro foi un período seco en xeral, con chuvias que se concentraron ao comezo e ao final do mes e unha precipitación media acumulada de 141 L/m2.

Estes datos permiten considerar o mes como seco en comparación co período de referencia, sendo o precedente máis próximo o do ano 2018, cando Galicia acabou outubro cunha anomalía media negativa do 31% en canto ás precipitacións.

En xeral, no conxunto da Comunidade choveu un 19% menos do agardado aínda que cunha distribución territorial moi heteroxénea e notables contrastes por zonas.

Así, os rexistros máis baixos concentráronse sobre todo na zona máis litoral da Mariña Occidental e nalgunhas localidades da comarca de Valdeorras (Ourense), onde apenas se superaron os 40 L/m2. Pola contra, a maior cantidade de chuvia acumulada produciuse na comarca do Xallas, con valores próximos aos 388 L/m2.

A porcentaxe máis baixa de precipitacións acadouse, precisamente, na Mariña Occidental e en Ortegal pero tamén en parte das comarcas da Coruña e de Terra de Trives, onde choveu ata un 61% menos do habitual; mentres que os rexistros máis altos de pluviosidade de outubro se marcaron na Baixa Limia e no concello lucense de Quiroga, un 55% por riba do valor climático de referencia.