Os traballos con dirección novel gañan peso nas axudas da Xunta ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais

Nove das 17 propostas adxudicatarias da convocatoria deste ano apostan por directoras e directores que se están a iniciar na realización de longametraxes

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste 300.000 euros nestas subvencións, que incrementaron a súa dotación nun 15% para impulsar a preprodución de filmes e series cara á súa rodaxe nos vindeiros anos

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021

A Xunta acaba de adxudicar 300.000 euros en axudas para o desenvolvemento de 17 novos proxectos audiovisuais de produción galega, dos que nove corresponden a longametraxes de dirección novel. O apoio ás carreiras de novos realizadores cobra así peso na resolución desta liña de subvencións, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para impulsar a fase de preprodución de filmes e series para cinema e televisión cara á súa rodaxe nos vindeiros anos.
Con tal fin, a súa dotación experimentou un incremento do 15% respecto a 2020, de xeito que se apoian dúas propostas máis que o ano pasado. O obxectivo é acompañar as produtoras desde a fase inicial de preparación dos seus novos proxectos, que nalgúns casos parten xa de guións igualmente subvencionados mediante a liña para a promoción do talento audiovisual galego. Así mesmo, nos anos seguintes poderán optar ás subvencións da Xunta tanto para produción e coprodución audiovisual como para a súa difusión en feiras e mostras, ademais de a outros fondos estatais e europeos.

Ficción, documentais e animación

Segundo a resolución de adxudicación publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mediante esta convocatoria apóianse 12 propostas de desenvolvemento na modalidade de longametraxes e series de ficción, catro na de documentais e unha de animación.

Entre elas, atópanse os seguintes proxectos de ficción con equipos encabezados por realizadores que están a dar os seus primeiros pasos no ámbito das longas: As defensas, presentado por Cósmica Producións para seren dirixido por Lucía Estévez; Só o ruído pode salvarnos, con produción de Ángel Santos e Santos Díaz na realización; Vidas Perras, de Xavier Font con Giselle Llanio; A cotío, de Fronda Galega de Sonido con Noemi Chantada; Onte á noite conquistei Tebas, de Filmika Galaika con Gabriel Azorín, e as propostas de Matriuska Producciones Lía, as pedras de papel, co realizador Samuel Lema, e O pesadelo das vacas, con Rafael de los Arcos.

Reforzo do apoio ao talento

Os catro primeiros títulos desta relación desenvólvense a partir de guións que xa foron subvencionados pola Xunta en anos anteriores a través da convocatoria para a promoción do talento audiovisual e que se ven agora impulsados a través desta nova adxudicación para emprender os traballos de preprodución.

Así mesmo, contan con dirección novel dous dos proxectos subvencionados na categoría de documentais: A barreira de cristal, de Ollo Vivo con Nerea Barros, e Nunca te rindas, de Danga Danga Audiovisuais con Marta Eiriz.
Completan a listaxe de proxectos adxudicatarios Tralovento, de Zeitun Films co realizador Eloy Domínguez; + Cuñados, de Portocabo TV con Toño López; A lúa en setembro, de Ollo Vivo con Jorge Coira; Nus, de Voz Audiovisual con Giselle Llanio, e La noche es mía, de Vaca Films con Pedro C. Alonso, na modalidade de ficción; Xalundes, de Rebordelos con Xacio Baño, e Golpear un coloso, de Recrea Films con Marcos Nine, en documentais; e O loro de emperador, de Abano Producións con Miguel Anxo Prado e Nani García, en animación.