Galicia aborda con expertos europeos no contexto do cumio do clima COP 26 a redución das emisións na pesca

O evento será virtual, celebrarase o vindeiro mércores 10 de novembro a partir das 15,00 horas e para poder seguilo é preciso rexistrarse na web da EBCD

Esta iniciativa, que se celebra baixo o título Liderando a carreira cara ás cero emisións no sector pesqueiro: cara unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono, busca dar conta do papel fundamental que teñen o sector pesqueiro e a industria naval no avance dunha actividade respectuosa co medio ambiente

Nesta xornada tamén se analizarán distintas alternativas eficientes no eido medioambiental para seguir avanzando na redución da pegada de carbono na actividade marítimo-pesqueira, que xa é das máis baixas no ámbito da produción de alimentos

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021

A Xunta e a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD) reunirán o vindeiro mércores 10 de novembro en formato virtual a diferentes responsables políticos, axentes relacionados co desenvolvemento de tecnoloxía no ámbito marítimo-pesqueiro e representantes do sector da pesca a nivel europeo para debater sobre vías que promovan unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono.

Esta xornada coincide coa celebración do cumio do clima (COP-26) auspiciado pola Organización das Nacións Unidas (ONU), que comezou o pasado 1 de novembro e se desenvolverá ata o 12 de novembro, un foro mundial de debate sobre cuestións relacionadas co cambio climático.

A xornada organizada pola Xunta e a EBCD desenvolverase en formato virtual a partir das 15,00 horas e contará coa participación da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e da directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, que serán as encargadas de abrir o evento. Nel tamén intervirán representantes da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca (DG MARE) e da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea, da EBCD, da University College London e da Unión de Afeccionados á Pesca de Francia.

Esta iniciativa, que se celebra baixo o título Liderando a carreira cara ás cero emisións no sector pesqueiro: cara unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono, ten como obxectivo dar conta do papel fundamental que teñen o sector pesqueiro e a industria naval no avance dunha actividade respectuosa co medio ambiente. Nela tamén se analizarán distintas alternativas eficientes no eido medioambiental para seguir avanzando na redución da pegada de carbono na actividade marítimo-pesqueira, que xa é das máis baixas no ámbito da produción de alimentos.
Nesta liña, durante a xornada analizaranse as novas tecnoloxías para buques pesqueiros e as innovacións existentes neste ámbito para promover a eficiencia enerxética e contribuír a reducir a pegada de carbono.

Tamén se abordarán, entre outros aspectos, o papel das institucións públicas na innovación, diferentes visións do sector marítimo-pesqueiro e as evolucións no ámbito da política pesqueira. As persoas interesadas en seguir este evento deberán rexistrarse na web da EBCD.

Imaxes relacionadas