O secretario xeral de Educación destaca a importancia da función directiva para a mellora do sistema

José Luis Mira participou na inauguración da xornada formativa dos futuros directores

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, participou esta mañá na inauguración da xornada Formación para o desenvolvemento da función directiva, celebrada no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. Neste contexto, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor a importancia que a dirección escolar “ten para a mellora da calidade do sistema educativo. Algúns expertos chegan incluso a cuantificar nun 25% a influencia do liderado nos logros escolares”, sinalou.

Neste sentido, destacou a aposta do Goberno galego por concretar itinerarios formativos específicos para a función directiva, coma o curso que hoxe se desenvolve, no marco das estruturas da Rede de Formación do Profesorado de Galicia. Celebrou, ademais, a motivación dos asistentes e o seu desexo de formarse para estar preparados para asumir a dirección dun centro educativo. “Galicia necesita persoas coma vós para continuar avanzando e imaxinando o seu futuro, para continuar pola senda do bo camiño”, salientou.

A de hoxe é a primeira sesión presencial do curso de formación para o desenvolvemento da función directiva de 150 horas convocado pola Xunta de Galicia, do que boa parte tamén se realiza en liña. O obxectivo é proporcionar aos asistentes competencias xenéricas e específicas para levar a cabo a función directiva coa maior garantía de éxito posible, coas conseguintes repercusións na mellora da calidade educativa dos centros.

O curso está estruturado en oito módulos nos que se abordarán distintos bloques temáticos, que será preciso superar para obter a certificación. Esta acreditación facilitará o acceso á dirección de centros educativos públicos non universitarios a aquelas persoas que non teñan acreditadas ditas competencias e non estean a desenvolver na actualidade un posto de dirección cunha traxectoria acadada de polo menos dous anos en dito posto. Desde que se puxo en marcha este curso formativo de desenvolvemento da función directiva levan participado nel un total de 670 persoas.