O secretario xeral de Cultura participa no acto conmemorativo do aniversario do centro

A Xunta loa a contribución do Museo do Gravado de Ribeira á hora de divulgar e impulsar as artes gráficas en Galicia nos últimos 20 anos

Anxo M. Lorenzo salienta tanto o seu labor de catalogación, estudo e difusión como a posta en marcha dunha Biblioteca Ilustrada e mesmo un obradoiro de gravado

A programación conmemorativa, coa que colabora a Xunta, inclúe unha exposición do pintor e gravador cubano Albino Fernández

Ribeira (A Coruña), 5 de novembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no acto conmemorativo do XX Aniversario do Museo do Gravado á Estampa Dixital, onde salientou a contribución que este centro tivo ao longo da súa historia para divulgar e impulsar as artes gráficas en Galicia.
Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Xunta leva anos apoiando este museo consciente da importancia dunha disciplina artística somo esta, que conta con numerosos profesionais en Galicia. “O Museo do Gravado é unha peza clave na rede museística galega ao estar altamente especializado e facer un excelente traballo de catalogación, estudo e difusión, que se verá agora completado coa Biblioteca Ilustrada e un obradoiro do gravado”, indicou.

Anxo M. Lorenzo referiuse ao carácter estratéxico que os museos teñen na política cultural da Xunta de Galicia, que se viu reforzado nos últimos tempos coa aprobación da Lei de Museos e que se impulsará tamén nos investimentos de 2022, coa creación de novas liñas de apoio e iniciativas para a contratación de persoal en formación.

O acto de hoxe enmárcase nas conmemoracións do XX aniversario do Museo coa que colabora a Xunta de Galicia, e que inclúen a apertura da exposición do pintor e gravador cubano Albino Fernández, comisariada por Carlos L. Bernárdez e Xoán Pastor. Conta con 65 xilografías do artista e conmemora o centenario do nacemento deste artista que tanta relación tivo con galegos como Lorenzo Varela, Luís Seoane ou Rafael Dieste, entre outros. Tamén se celebrará un acto institucional de inauguración da Biblioteca Ilustrada e Taller do Gravado.