Docentes da Costa da Morte afondan nos cambios metodolóxicos para a mellora educativa nunha contorna rural

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, incidiu na aposta da Xunta pola innovación e a dixitalización nas aulas como o principal reto de futuro para seguir consolidando a calidade do sistema

Laxe (A Coruña), 5 de novembro de 2021

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia, José Luis Mira, destaca que un dos retos da educación do futuro é a introdución de cambios metodolóxicos vinculados á innovación e á transformación dixital. Así o asegurou esta tarde no colexio CPI plurilingüe Cabo da Area de Laxe, con motivo da xornada formativa Espazo Educa-Creando Pontes, que entre hoxe e mañá congrega a docentes de 12 concellos da Costa da Morte para afondar nos retos educativos, sobre todo nunha contorna rural como é o caso desta zona, que concentra 42 centros escolares con preto de 5.700 alumnos.

O representante do Goberno galego incidiu en que as competencias tecnolóxicas son “un elemento diferencial que marcará os índices de calidade do noso sistema no futuro, e máis aínda na escola do rural”. Nesta liña vai a Estratexia Educación Dixital 2030 que está impulsando a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dotada con 120M€ para os primeiros tres anos, e que contempla un conxunto de accións coordinadas enfocadas ao desenvolvemento dun ecosistema dixital de alto rendemento e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital.

Nesta liña, José Luis Mira insistiu na importancia da formación do profesorado a través de xornadas coma esta organizada polo Centro de Formación e Recursos da Coruña, na que se abordan temas específicos como as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e a convivencia construtiva entre o conxunto dos actores da comunidade educativa. A este respecto, o secretario xeral de Educación incidiu na importancia de involucrar tamén ás familias neste proceso de innovación e cambio metodolóxico, a través de contornas activas e diálogo construtivo onde todas as aportacións suman a prol dunha escola cada vez máis inclusiva e innovadora.