O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, xunto con representantes da concesionaria, mantivo esta mañá un encontro con representantes da Plataforma de usuarios do transporte de Ferrol e A Coruña

A Xunta realizou máis de 1.600 enquisas en 129 autobuses da liña Ferrol-A Coruña para coñecer en detalle as necesidades dos usuarios

O Goberno galego avaliará agora o resultado destas consultas para incorporalas á proposta que está a desenvolver a concesionaria co fin de acadar unha mellor adaptación da oferta dos servizos á demanda

A Xunta agarda que os Concellos da comarca de Ferrolterra trasladen propostas concretas para actuar de xeito coordinado, tal e como se acordou no encontro mantido a finais de outubro

As melloras que se propoñan serán analizadas para sumalas ás que xa están en marcha, como a ampliación das frecuencias directas entre Ferrol e A Coruña, o recente aumento da capacidade dos autobuses ou o reforzo das liñas ao IES de Fene

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, realizou máis de 1.600 enquisas a bordo de 129 autobuses da liña Ferrol-A Coruña co obxectivo de coñecer en detalle as necesidades dos usuarios.

O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Plataforma de usuarios do transporte de Ferrol e A Coruña na que tamén estiveron presentes representantes da empresa concesionaria.

Durante unha semana, concretamente desde o 27 de outubro e o 2 de novembro, e en distintos horarios, a Consellería levou a cabo enquisas individuais aos usuarios desta liña para coñecer as súas necesidades de mobilidade concretas.

Os resultados destas consultas serán agora avaliados para incorporalos á proposta que está a elaborar a concesionaria co fin de acadar unha mellor adaptación da oferta dos servizos á demanda.

A Xunta agarda que tamén os Concellos da comarca de Ferrolterra trasladen as propostas concretas para actuar de xeito coordinado, tal e como se acordou no encontro mantivo a finais do mes de outubro, no que a Xunta solicitou a implicación e participación dos concellos co fin de impulsar melloras para a adecuación dos servizos á demanda.

As melloras que propoñan, tanto por parte dos Concellos como da Plataforma de usuarios, serán analizadas para sumalas á proposta que está a elaborar a concesionaria; completando as que xa están en marcha, como a ampliación das frecuencias directas entre Ferrol e A Coruña, desde primavera, o recente aumento da capacidade dos autobuses ou o reforzo das liñas do IES de Fene.