Xunta e Goberno central consensúan 9 proxectos turísticos que inxectarán 14,6 M€ no litoral galego

Trátase de plans de sustentabilidade turística que estarán impulsados polas entidades locais no marco do Plan de Recuperación e Resiliencia orientado á recuperación e modernización do sector turístico

Dos 19 proxectos presentados por parte dos concellos galegos selecciónanse 9, o que lles permite acceder aos fondos europeos

Na provincia da Coruña desenvolveranse cinco proxectos e os outros catro corresponden á iniciativas de concellos da provincia de Pontevedra.

Tanto Xunta como Ministerio coincidiron en considerar non aptos os proxectos de Gondomar, Viveiro, A Cañiza, Vigo, A Coruña, Dodro e O Grove

Os criterios de valoración conxunta foron os fixados na Estratexia de Sostenibilidad Turística en Destino

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021

A Xunta e o Goberno central veñen de consensuar os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) que se desenvolverán en Galicia ao abeiro do Plan Territorial Litoral liderado pola Xunta de Galicia e que permitirá inxectar no territorio un total de 14,6 millóns de euros captados dos fondos europeos Next Generation.
A avaliación conxunta de ambas administracións públicas tivo como resultado a aprobación de 9 dos 19 proxectos presentados á convocatoria extraordinaria deste plans, aos que se lles concede unha axuda en función da puntuación final obtida. Así, a Deputación da Coruña acada a aprobación de dous proxectos PSTD, o de Fragas do Eume e o de desenvolvemento do Xeoparque Cabo Ortegal. Tamén na provincia da Coruña obteñen axuda o das Mariñas-Betanzos, o de Muros e Noia e o concello de Ribeira. Na provincia de Pontevedra aproban os plans do Concello de Pontevedra, o concello de Sanxenxo, o de Marín e o de Baiona.
Os criterios de valoración conxunta foron os fixados na convocatoria da Estratexia de Sostenibilidad Turística en Destino da Secretaría de Estado de Turismo (SETUR), aliñados cos eixes de transformación do Fondo Next Generation: transición verde e sustentable; eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Ademais, valoráronse a calidade, coherencia e precisión do proxecto, a vocación turística do destino e o aliñamento coa estratexia de desenvolvemento turístico autonómica e estatal.

Proxectos rexeitados

Os plans que conxuntamente quedaron desbotados por Xunta e Goberno Central para esta convocatoria o foron ben por puntuación – quedan rexeitados os plans cunha puntuación conxunto por baixo dos 70 puntos-, caso dos proxectos do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e dos concellos do Grove e Vigo; ben por non acadar o mínimo orzamento esixido (Gondomar) ou ben por contar xa cun plan de sustentabilidade turística ordinaria aprobado, caso de Viveiro, que está dentro do PSTD da Mariña Lucense. A maiores, a Xunta de Galicia desbotou os proxectos presentados polos concellos de Cortegada, O Carballiño e pola Deputación de Pontevedra para o territorio Condado-Paradanta, xa que non encaixaban na estratexia autonómica desta convocatoria (Plan Litoral), un requisito que se comunicou a tódolos participantes ao inicio do proceso.
Neste sentido, cómpre destacar que a prioridade de actuación determinada para este primeiro Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino de Galicia está centrado en actuacións na fachada costeira galega, polo que se desbotaron proxectos situados no interior, que poderán recuperarse nas posteriores convocatorias dos outros dous plans territoriais que se desenvolverán nos vindeiros anos, o de Enogastronomía, previsto para 2022 e o de Vilas Termais e Cascos Históricos, para 2023.
A aprobación destes PSTD, que serán desenvolvidos polas entidades locais impulsoras en colaboración coa administración autonómica, estatal e a colaboración do sector privado, únense ás Accións de Cohesión en Destino (ACD) presentadas por parte da Xunta para seren executadas no marco tamén destes fondos europeos dispostos para a reactivación e recuperación do sector turístico.


Plan Litoral 2021-2023

 

Estes 9 proxectos aprobados súmanse ás tres iniciativas presentadas en setembro pola Xunta como Accións de Cohesión en Destino (ACD), que tamén forman parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino, o Plan do Litoral. As tres actuacións iniciativa da Xunta suman tamén 14,6 millóns de euros que, de concederse por parte do Goberno central, suporían unha inxección de 29,2 millóns de euros para o desenvolvemento turístico do litoral galego.