Ángeles Vázquez salienta que grazas ao compromiso dos cidadáns Galicia é unha das dúas comunidades que recicla máis envases e restos de medicamentos

Subliña que na última década a recollida selectiva destes residuos creceu case un 40%

A conselleira de Medio Ambiente asegura que 9 de cada 10 fogares depositan os seus fármacos nalgún dos 1.373 puntos Sigre existentes nas catro provincias e insiste na importancia de fomentar este hábito polos seus beneficios ecolóxicos e sanitarios
 

Ourense, 5 de novembro de 2021

Galicia é unha das dúas comunidades autónomas coas mellores taxas de reciclaxe de envases e restos de medicamentos de orixe doméstica. Así o subliñou hoxe en Ourense a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun acto para facer balance dos resultados dos primeiros 20 anos de implantación dos puntos Sigre en todo o país.

En 2001, precisamente, a capital ourensá acolleu a proba piloto a nivel nacional desta iniciativa colaborativa, que ao ano seguinte e grazas aos bos resultados colleitados, se estendeu rapidamente polas farmacias da Comunidade e do resto do país.

Tal e como subliñou a conselleira, dúas décadas despois daquela experiencia e grazas á implicación dos distintos axentes do sector farmacéutico e da propia Xunta, o hábito de reciclar fármacos está plenamente interiorizado entre os galegos, xa que 9 de cada 10 fogares depositan este tipo de residuos na rede Sigre, composta a día de hoxe por un total de 1.373 puntos repartidos por farmacias das catro provincias.

Así, subliñou que o compromiso e a concienciación dos cidadáns sobre a necesidade de facer unha recollida selectiva de envases e medicamentos é cada vez maior como demostran as cifras de reciclaxe da última década, cun aumento de case o 40%.

Case 104 gramos por habitante ao ano

Segundo os datos oficiais de 2020, cada galego recicla ao ano preto de 104 gramos de envases e restos de distintos tipos de fármacos, é dicir, 13 gramos máis que a media española. “Galicia segue marcando a pauta e liderando, xunto a Navarra, as taxas de reciclaxe de envases de medicamentos a nivel nacional”, declarou a conselleira, facendo fincapé tamén no feito de que a Comunidade lograra manter a súa posición á cabeza de España incluso nun ano marcado pola crise da covid.

Na mesma liña, tamén o director xeral de Sigre, Juan Carlos Mampaso, sinalou que “existe unha gran concienciación dos galegos co coidado da saúde e do medio ambiente”, destacando o grao de “implicación dos cidadáns, do sector farmacéutico e das autoridades sanitarias e medioambientais” da Comunidade.

En todo caso, Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de seguir inculcando entre os cidadáns a importancia dun hábito que, lembrou, ten notables beneficios tanto a nivel ecolóxico, impedindo que os medicamentos teñan un impacto sobre o medio ambiente ou a biodiversidade e facilitando a reciclaxe dos seus envases, como desde o punto de vista sanitario, xa que axuda a evitar a acumulación de fármacos nos fogares.

De feito, indicou que nos 20 anos que leva funcionando en todo o país o proxecto Sigre evitouse a tala de máis de 160.000 árbores e aforráronse máis de 350 millóns de kW/h, 300 millóns de litros de auga e algo máis de 50 millóns de litros de petróleo.

Por iso, a responsable autonómica animou aos galegos a seguir reciclando os medicamentos que teñen nas súas casas cando xa non lles poidan dar uso, insistindo en que a “clave” do éxito do sistema habilitado desde hai dúas décadas para recoller e xestionar este tipo de residuos son os propios cidadáns.

Con este obxectivo, a Xunta colabora desde hai anos en diferentes campañas dirixidas a espertar e fomentar a responsabilidade cidadá respecto da recollida selectiva dos fármacos domésticos. Campañas como a que se presentou precisamente hoxe en Ourense e que baixo o lema Cada paso suma quere darlle continuidade a esa mensaxe de sensibilización social.

Aposta pola xestión correcta dos residuos e a economía circular

Por último, a conselleira explicou que a xestión axeitada dos residuos domésticos é un dos piares fundamentais na loita da Xunta contra o cambio climático e na transición cara a unha economía circular que supere o tradicional modelo de fabricar, usar e tirar.

Así, lembrou que en 2022 o seu departamento mobilizará máis de 20 millóns de euros a través de oito liñas de axudas dirixidas ás entidades locais para impulsar este cambio de sistema, un investimento enmarcado nos 60 millóns estimados para o desenvolvemento da Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais.

 

Imaxes relacionadas