O Sergas finalista dos premios europeos de innovación polo proxecto de adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable

Os gañadores do certame daranse a coñecer o vindeiro 25 de novembro, con motivo da primeiro Cume do Consello Europeo de Innovación

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021

O Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), vén de ser seleccionado como finalista dos Premios europeos de adquisicións en innovación (EUIPA 2021), polo proxecto “INNO-AHA (Innovation Active and healthy Ageing)”.
O proxecto do Sergas, recolle a aposta do sistema sanitario galego pola búsqueda de novas solucións vencelladas á compra pública innovadora para un envellecemento activo e saudable.
A comisaria de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Xuventude na Comisión Von der Leyen, Mariya Gabriel, anunciou as candidaturas seleccionadas para as finais destes premios europeos, nas súas tres categorías. Nomeadamente, o Sergas competirá polo premio na categoría de Estratexias de adquisicións de innovación, co Centro Nacional de Investigación e Desenvolvemento de Polonia.
A comisaria europea apuntou que “os candidatos finalistas demostraron o poder da contratación de innovación para modernizar o sector público, abrir novas oportunidades económicas para as empresas, crear postos de traballo e abordar as necesidades máis urxentes da nosa sociedade” Así, Gabriel salientou que “as súas estratexias a longo prazo, as súas accións e os seus esforzos persoais inspirarán a outros a seguilos”.
Os gañadores dos Premios Europeos de Adquisición de Innovación deste ano faranse públicos na primeira edición do Cume do Consello Europeo de Innovación, que se celebrará o próximo 25 de novembro.

 

Imaxes relacionadas