A conselleira de Política Social participou por videoconferencia na Conferencia Sectorial para el reto demográfico

Fabiola García trasládalle ao Goberno central que “a demografía non é só natalidade, pero tampouco pode ser todo menos natalidade”

Subliñou que entre as 130 iniciativas que recolle o Plan de medidas posto en marcha polo Executivo nacional non hai ningunha centrada nesta materia

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, trasladoulle hoxe ao Goberno Central que a demografía “non é só natalidade, pero tampouco pode ser todo menos natalidade”, en relación ao novo Plan de medidas que aprobou. Fíxoo durante a Conferencia Sectorial para o reto demográfico á que asistiu por videoconferencia.

Fabiola García indicou que nesta materia é acertado falar de cohesión territorial, de retorno e asentamento de nova poboación, de conciliación e de envellecemento, pero calquera aproximación á cuestión demográfica debe ter presente tamén a natalidade. Sen embargo, lamentou, entre as 130 medidas que conforman o Plan non se encontra ningunha iniciativa neste eido.

Así mesmo, a conselleira recordou que desde hai un ano a Xunta non ten noticias sobre avances na Estratexia nacional fronte ao reto demográfico, que estaba sendo impulsada polo Executivo en colaboración das Comunidades autónomas.

Neste sentido, considera que esta iniciativa “é o marco axeitado para o desenvolvemento de políticas útiles e debe funcionar como foro efectivo de colaboración entre Administracións”. Por iso, cinco anos despois de que unha Conferencia de Presidentes se comprometera á súa elaboración, “cremos que hai que culminar todo o feito”, subliñou Fabiola García.

Fondos para demografía

Na Conferencia sectorial tamén se falou dos fondos que destina o Goberno central para superar o reto demográfico. Unha das súas partidas está pensada para financiar proxectos innovadores para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento. Estas axudas están exclusivamente dirixidas ás entidades locais e comunidades uniprovinciais.

Sobre isto, a conselleira de Política Social reiterou que Galicia defende que as comunidades pluriprovinciais deberían tamén poder acollerse. Unha petición que xa foi formulada pola seu departamento hai uns meses e que ata o momento non tivo resposta.

Financiamento gratuidade

A maiores, trasladou a reclamación realizada polo Parlamento de Galicia para que o Goberno central apoie economicamente a gratuidade para todos os nenos de 0 a 3 anos en todas escolas infantís da comunidade, da que se beneficiarán 20.000 familias e que terá un un custo anual estimado de 30 millóns de euros para as arcas galegas.

Esta medida da Xunta de Galicia é pioneira en España e desde o 2020 estase a aplicar nos segundos fillos e sucesivos, a partir do vindeiro curso ampliarase tamén aos primeiros fillos. Así mesmo, Fabiola García recordou que esta se trata dunha medida educativa e de conciliación pero tamén de igualdade de oportunidades