A Xunta destina 70.000€ para colaborar con tres ONGD galegas no proxecto “Activistas polo mundo que queremos 2021-2022”

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe con representantes das ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz o convenio para renovar a colaboración

Participarán 500 alumnos e 12 docentes de 6 centros de ESO da comunidade galega, que se suman aos máis de 4.200 alumnos e 254 profesores de 51 centros educativos das 8 edicións anteriores da iniciativa

A Xunta leva investidos neste programa case 595.400 euros co obxectivo de afondar nas causas das desigualdades sociais nos países nos que traballa a Cooperación Galega
 

A Coruña, 5 de novembro de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe o convenio de colaboración coas ONGD galegas Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a Asemblea de Cooperación pola Paz para levar a cabo a novena edición do proxecto Activistas polo mundo que queremos 2021-2022. Nesta ocasión a iniciativa conta cun orzamento de 73.691 euros, dos que a Xunta achega 70.000 euros e as tres organizacións participantes a contía restante.

No acto, Jesús Gamallo destacou que o acordo ten como obxectivo contribuír ao fomento dunha adolescencia e profesorado galegos conscientes da interconexión entre realidades locais e dinámicas globais e apoiar a construción da xustiza social, a través da educación para o desenvolvemento, a solidariedade e a loita contra a pobreza nos centros educativos da comunidade. Ademais, sinalou, permite visibilizar o traballo da cooperación galega e vincular á comunidade educativa co movemento asociativo dos seus concellos.

Nesta novena edición da iniciativa participarán seis centros de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) da comunidade galega. Trátase do IES Fonmiñá da Pastoriza e o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, ambos na provincia de Lugo, xunto co IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras (Ourense), o IES Alfonso X O Sabio de Cambre (A Coruña) e O IES A Chapela de Vigo. Deste xeito, o proxecto chegará a 500 alumnos e 12 docentes co obxectivo de afondar nas causas das desigualdades sociais dos países nos que traballa a cooperación galega.

O investimento da Xunta destinarase aos custos derivados das formacións, os servizos técnicos ou os gastos de persoal para facilitar ao profesorado as ferramentas necesarias para incorporar neste curso 2021-2022 o discurso da Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, así como favorecer por parte do alumnado vías de denuncia sobre as súas realidades a través de sesións e virtuais que teñan o activismo como eixo central.

Así, entre outras actividades, o proxecto financiará a coordinación e acompañamento aos centros educativos participantes, un encontro inicial entre o profesorado e as tres organizacións asinantes do acordo especializadas no ámbito da educación para o desenvolvemento, a elaboración de materiais para os docentes, a revisión da aula virtual, a posta en marcha de obradoiros de radio e de activismo e comunicación transformadora, a visita de activistas de América Latina para achegar ao alumnado ás realidades do Sur e execución dun plan de comunicación.

Os convenios de colaboración asinados nos últimos anos dan continuidade ao proxecto piloto posto en marcha por primeira vez en 2013 e desenvolvido no marco do Plan Proxecta de innovación educativa destinado a impulsar a colaboración entre os distintos departamentos da Xunta que contan con programas dirixidos a centros educativos. A Xunta investiu case 595.400 euros desde a posta en marcha deste proxecto, que mediante a colaboración coas tres ONGD, permitiu traballar co profesorado e alumnado dun total de 4.205 alumnos e 254 profesores de 51 centros educativos.

Entre os participantes nas nove edicións, o director xeral de Relacións Exteriores lembrou que dous centros -o CPI Toural de Vilaboa, en Pontevedra e o IES Plurilingüe do concello coruñés de Camariñas- gañaron o premio Vicente Ferrer de Educación ao Desenvolvemento.

O convenio entre a Xunta e as tres ONGD para poñer en marcha unha nova edición de Activistas polo mundo que queremos dá cumprimento ao Plan Anual da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2021, no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, en especial no que se refire a levar a cabo unha política de educación para o desenvolvemento orientada a construír unha cidadanía global comprometida co cambio social, a solidariedade e o desenvolvemento humano sostible.
 

Imaxes relacionadas