O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, compareceu hoxe no Parlamento para expoñer os orzamentos cos que contará o organismo en 2022

A Xunta destinará o próximo ano 160 M€ a impulsar a rehabilitación residencial, facilitar o acceso á vivenda e favorecer a implantación de empresas en Galicia

Anuncia que o próximo ano o IGVS impulsará a construción de preto de 250 novas vivendas protexidas nas cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Lugo

Duplícase o orzamento para os programas que buscan recuperar o patrimonio xa construído e resérvanse case 60 M€ a axudas para compra e alugueiro e a executar de forma directa actuacións que incrementen o actual parque público residencial

O Goberno galego destinará parte dos fondos europeos de recuperación a blindar o futuro das áreas de rehabilitación integral ante a indefinición do Goberno central

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia destinará o próximo ano un orzamento de case 160 millóns de euros a desenvolver as políticas relacionadas coa vivenda e o solo empresarial. Así o salientou esta mañá o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, durante a súa comparecencia no Parlamento para expoñer as liñas xerais que guiarán as contas deste organismo en 2022, así como as da empresa pública Xestur e as do Consorcio do Casco Vello de Vigo, que en conxunto crecen un 22% respecto ás deste ano.

Neste sentido, explicou que os investimentos do próximo ano xirarán ao redor de tres eixes principais: facilitar o acceso dos cidadáns a unha vivenda, tanto en réxime de compra como en alugueiro; darlle un pulo definitivo á rehabilitación do patrimonio construído con fins residenciais; e favorecer a implantación e a expansión de empresas en Galicia con medidas dinamizadoras do solo empresarial.

Respecto ao primeiro eixe, Heriberto García estimou en preto de 60 millóns de euros o orzamento destinado a fomentar e facilitar o acceso dos galegos a un fogar a través da construción de vivenda pública por parte do IGVS; da rehabilitación no marco do programa Rexurbe, xa consolidado tras catro anos en funcionamento; das axudas para a creación e ampliación dos parques públicos municipais; e das liñas de apoio a promotores para facer vivenda nova sobre solo público con destino ao alugueiro.

Entre outras actuacións, o director do IGVS subliñou en concreto o esforzo previsto en materia de construción de vivendas de promoción pública (VPP), cun total de 8,5 millóns de euros. Grazas a este orzamento, remataranse as obras actualmente en marcha e á vez, impulsaranse novas promocións co fin de reforzar o parque público residencial das cidades galegas, que concentran tamén a maior demanda. Neste sentido, anunciou que o próximo ano daranse os pasos necesarios para impulsar ou mesmo iniciar a construción de preto de 250 novas VPP na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Lugo.

Así mesmo, tamén salientou que o seu departamento fará un esforzo especial o vindeiro ano para que a mocidade poida acceder con máis facilidade a un fogar e independizarse. Así, anunciou que por primeira vez a Xunta avalará aos mozos menores de 35 anos para a compra da súa primeira vivenda. Estes avais suporán o 15% do crédito solicitado e para a súa posta en marcha, asinaranse convenios coas principais entidades financeiras presentes en Galicia co fin de que faciliten a concesión destas hipotecas.

En materia de rehabilitación residencial, duplícase o orzamento para os programas que buscan recuperar o patrimonio xa construído, un apartado que suma un total de 75,2 millóns de euros, a maior cifra destinada a este capítulo pola Xunta na última década, tal e como salientou Heriberto García durante a súa comparecencia.

Nesta contía inclúense os 10 millóns reservados o próximo ano para o Rexurbe, un programa de rehabilitación do IGVS pero que tamén facilita o acceso á vivenda xa que o seu obxectivo é comprar inmobles en centros históricos deteriorados co fin de proceder á súa rehabilitación e habilitar VPP destinadas ao alugueiro.

Finalmente, no que respecta aos investimentos relativos ao solo empresarial, indicou que en 2022 a Xunta ofrecerá incentivos e medidas para que as empresas invistan en Galicia, por un importe global de 34,3 millóns de euros. Así, destacou as bonificacións dirixidas ao tecido empresarial para facilitarlles a adquisición de solo industrial —cun orzamento de 7,5 M€— ou a optimización dos polígonos propiedade do IGVS e de Xestur —26,9 M€—.

A este respecto, engadiu que a planificación do solo industrial quedará blindada coa primeira Lei de áreas empresariais de Galicia, desde hoxe en trámite de información pública, e coa modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais.

Novo programa para darlle continuidade ás ARI galegas

Por último, o director do IGVS tamén anunciou que a Xunta destinará parte dos fondos europeos asignados a Galicia a blindar o futuro das áreas de rehabilitación integral (ARI). Neste sentido, lamentou que o novo Plan estatal de vivenda 2022-2025, do que polo momento se descoñecen os detalles, parece “darlle ás costas” a esta figura, a pesar dos “excelentes resultados” obtidos nos últimos anos nos ámbitos declarados ARI.

Por iso e co fin de garantir que se poida seguir investindo nas 76 ARI municipais existentes na Comunidade, García anunciou que o IGVS está a deseñar un programa que poida darlle continuidade ás actuacións de restauración, conservación e mellora da accesibilidade nos inmobles localizados dentro destes ámbitos.

Imaxes relacionadas