Ethel Vázquez avanza que na primavera os veciños de Dozón e da contorna disporán do novo acceso á autovía AG-53 en sentido Ourense grazas a un investimento da Xunta de máis de 1 M€

O novo ramal entre a autovía e a N-525 evitará que os veciños de Dozón teñan que ir ata Piñor para incorporarse á autovía cara a Ourense

O enlace comeza no quilómetro 275 da estrada nacional, ao pasar o núcleo do Castro, onde se emprazan a Casa do Concello e os principais equipamentos

Os traballos previos están ao 75%, prevéndose que este mes finalice a drenaxe transversal e avance a escavación en desmonte e nos recheos en terraplén

A conselleira informa de que a Xunta está a traballar no proxecto para completar os movementos na autovía, cun ramal de saída no alto de Santo Domingo que permitirá que os vehículos que veñan de Ourense poidan saír en Dozón

Avanza que nas próximas semanas tamén se terá pechado o estudo do impacto de levar á AP-53 as bonificacións que se aplican na AP-9, para trasladarllo ao Ministerio
 

Dozón (Pontevedra), 5 de novembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que na primavera os veciños de Dozón e da contorna disporán do novo acceso á autovía AG-53 en sentido Ourense grazas a un investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Dozón, Adolfo Campos, supervisou hoxe estes traballos para dotar dun novo acceso á autovía AG-53 en sentido Ourense, favorecendo os desprazamentos cara á cidade das Burgas, pois actualmente nese municipio só existe un enlace para entrar nesta vía de alta capacidade en dirección Santiago.

Trátase dun novo ramal de conexión entre a autovía da Xunta e a N-525, que fará máis cómodos e seguros os desprazamentos, xa que evita que os veciños de Dozón teñan que desprazarse ata Piñor pola estrada nacional para incorporarse á autovía cara a Ourense.

O enlace comeza no quilómetro 275 da estrada nacional, ao pasar o núcleo do Castro, onde se empraza a Casa do Concello e os principais equipamentos.

A intervención inclúe unha ampliación do carril de vehículos lentos, cruzando a AG-53 a través do paso inferior que hai na autovía para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía pola marxe dereita en sentido Ourense.

A actuación completarase coa drenaxe, a instalación de valla de cerramento e sinalización, balizamentos e defensas no novo ramal.

Ethel Vázquez detallou que estas obras, que comezaron a finais de setembro avanzan segundo o previsto. Concretou que os traballos previos, de despexe, roza e demolicións, están avanzados, cun grado de execución do 75%.

Sinalou que na actualidade se está a avanzar na drenaxe, coa execución da arqueta onde desaugarán as augas pluviais procedentes das escorrentías da zona. Xa se colocou o colector de formigón prefabricado para conducir as augas pluviais do novo ramal. Prevese que este mes de novembro se finalice xa a drenaxe transversal e poder avanzar na escavación en desmonte e nos recheos en terraplén.

A día de hoxe están a traballar 9 máquinas na zona, pero adiantou que cando as obras collan ritmo estarán traballando uns 30 operarios e 15 máquinas.

A conselleira lembrou que o proxecto tivo en conta as achegas formuladas no período de participación pública para facilitar e garantir a accesibilidade á granxa que hai nas proximidades. Neste sentido, habilitouse un camiño de servizo, que discorrerá paralelo á autovía pola marxe dereita, manténdose a entrada á estrada nacional en dirección Ourense. A nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo.

Tamén, co fin de que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo construirase unha glorieta, mantendo o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa e á estrada nacional.

Entrada e saída á autovía

A conselleira tamén recordou que a Xunta está a avanzar na redacción do proxecto para completar os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía. Indicou que o ramal de saída da AG-53 no alto de Santo Domingo permitirá que os vehículos que veñan de Ourense poidan saír en Dozón.


Fixo fincapé en que a Xunta tamén vén de demandar unha mobilidade máis económica na autoestrada estatal AP-53, que completa a conexión entre Ourense e Santiago, pois é unha vía cunhas das peaxes máis altas e sen ningún tipo de bonificación.

Avanzou que nas próximas semanas se prevé ter pechado o estudo do impacto que suporá levar á AP-53 as bonificacións que se aplican na AP-9, para abordalo cos Concellos e dar traslado ao Ministerio.

O obxectivo é que se poida introducir vía emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 unha partida para bonificar as peaxes da AP-53.

 

Imaxes relacionadas