Fabiola García subliña a aposta de Galicia por incorporar a tecnoloxía no ámbito sociosanitario para complementar os coidados dos profesionais

Lembrou que o novo modelo de residencias contempla a creación de centros intelixentes que axilicen o traballo dos profesionais e melloren o benestar das persoas usuarias

Aposta por incluír melloras noutros ámbitos como o acceso a medios electrónicos por parte das persoas en risco de exclusión social
 

Valladolid, 5 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou a aposta de Galicia por incorporar a tecnoloxía no ámbito sociosanitario para completar os coidados dos profesionais durante a súa intervención no Congreso Nacional de Servizos Sociais e Innovación Tecnolóxica que tivo lugar en Valladolid. O encontro foi inaugurado polo presidente da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e contou tamén coa participación da conselleira de Familia e Igualdade de oportunidades de Castela e León, Isabel Blanco, a conselleira de Muller, Igualdade, LGTBI, Familia e Política Social de Murcia, Isabel Franco, e a conselleira de Igualdade, Xustiza e Políticas Sociais do País Vasco, Beatriz Artolazabal.

A conselleira destacou que ao igual que a sanidade soubo aproveitar as innovacións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida das persoas, os servizos sociais deben buscar ferramentas que axudan a mellorar o sistema e facelo máis útil para os seus usuarios e traballadores. Neste sentido, lembrou que a Xunta comezou a traballar da man do Comité Asesor Sociosanitario nun novo modelo de coidados que inclúa a tecnoloxía entre os seus piares fundamentais e que permita a creación de residencias intelixentes.

Un modelo que xa se comezou a aplicar na residencia pública autonómica da Estrada e que, apuntou, permite incorporar melloras que axilicen o traballo dos profesionais, como monitores multiparamétricos, así como o benestar dos usuarios, a través de habitacións intelixentes con sensores que avisen se unha persoa sufre unha caída ou deambula pola noite.

Persoas en risco de exclusión

Ademais, apostou por incluír melloras noutros ámbitos como o acceso a medios electrónicos por parte das persoas en risco de exclusión social ou a modernización dos servizos sociais, incluíndo dispositivos de firma biométrica e realizando un mapa xeosocial que permita manter información actualizada e controlada da situación das persoas que precisan de acceso a servizos ou tramos de inserción ao emprego.

Gratuidade das escolas infantís

Así mesmo, a conselleira destacou a importancia de mellorar a conexión a internet nas zonas rurais para garantir a igualdade de oportunidades e incentivar o asentamento da poboación e apuntou que a Xunta leva anos incorporando servizos de conciliación nos municipios máis pequenos con este mesmo fin.

Neste sentido, puxo como exemplo iniciativas como as casas niño ou as casas do maior, que permiten ofrecer un recurso de conciliación ás familias para compatibilizar a súa vida laboral e familiar, e tamén a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos. Unha medida que se ampliará a primeiros fillos no curso que vén e na que Galicia é pioneira en toda España.
 

Imaxes relacionadas